Eva Santos: «Os pais teñen moitas dúbidas e preguntan moito da saúde dos fillos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

VEDRA

XOAN A. SOLER

A ribeirense afirma que a súa especialidade «dá unha seguridade necesaria para traballar con nenos»

10 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«A poboación infantil é moi vulnerable, e tamén moi agradecida», valora a ribeirense Eva Santos, tras pouco máis de medio ano de experiencia profesional como primeira enfermeira especialista en pediatría de Galicia. Exerce nos centros de saúde de Vedra e Boqueixón. Aclara que hai outras enfermeiras que se formaron nesa especialidade antes, aínda que «estou ocupando a primeira praza que se creou no Sergas». Desde mediados de febreiro pasado coida da saúde duns mil menores de entre 0 e 14 anos deses dous concellos. «Antes non había unha enfermeira titular que se ocupase única e exclusivamente de pediatría. Facía as revisións a pediatra e, no momento de vacinar a algún neno ou nena, avisaban a unha enfermeira de adultos. Non se facían outras actividades orientadas especificamente para a saúde da poboación infantil».

O seu traballo, explica, consiste «en realizar controis e promoción da saúde, da alimentación, vacinación, coidados de puericultura ou asesoría de lactación materna. Tamén atendo dúbidas sobre coidados do neno, sobre o uso de inhaladores e consultas de obesidade, con seguimento dos casos que consideramos que teñen malos hábitos de alimentación. Este servizo ten moi bos resultados. A porcentaxe de sobrepeso e obesidade infantil en Vedra e Boqueixón con respecto ao resto de Galicia é practicamente a mesma, hai bastantes casos, independentemente de que coman ou non na casa. E detectamos nenos que non almorzan pola mañá, que non comen ben no colexio, que comen só do que gustan ou que abusan de alimentos procesados. E a iso hai que lle sumar a pouca actividade física. Veñen así mesmo pola consulta cativos que, aínda que non teñan sobrepeso e obesidade, si teñen malos hábitos de alimentación», indica.

Detectar problemas

A promoción da saúde é outra das súas principais dedicacións. «Os pais teñen moitas dúbidas e preguntan moito da saúde dos fillos. Son asuntos moi importantes de alimentación, deporte, doenzas, prevención e outros. É frecuente que entren por un tema na consulta e acaben preguntando moitas outras cousas. E en ocasións hai que indagar para detectar ou confirmar algúns problemas, como unha adicción ás tecnoloxías, que non relatan talvez porque non a ven como un problema», di.

Neste tempo, Eva comprobou que «toda a poboación infantil ten o calendario de vacinación completo para a súa idade, non dei con ningún pai contrario a vacinar; mesmo hai doses que non están no calendario e que se recomendan, e tamén case todo o mundo as pon. Sempre explicamos os efectos secundarios, e insistimos na importancia da vacinación», destaca.

Eva defende a especialización: «Ao acabar a carreira non tes formación suficiente para atender os nenos, a carreira está máis orientada para a poboación adulta. A atención a neonatos e prematuros non ten nada que ver con oncoloxía, poñamos por caso, é moi específica. Dous anos de especialidade penso que son pouco. A especialidade dá unha seguridade para exercer e favorece que se traballe seguindo as últimas evidencias científicas, con coñecementos que doutra maneira non é fácil conseguir», salienta.

Para a especialización, Eva rotou por moitas áreas e viu como se traballa noutros servizos «e iso dá unha soltura e unha seguridade necesarias para traballar con nenos e nenas. Por iso é preciso que aumenten as prazas desta especialidade, e que se habilite a quen conseguiron a especialidade pola vía extraordinaria e están pendentes de que lles recoñezan a categoría».