«Vista Alegre é agora un espazo ideal para ter un bo Campus da Música»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

VEDRA

PACO RODRÍGUEZ

O director da Escola Municipal de Música ve unha vantaxe que docentes do centro xa manteñan relacións cos da Escola de Altos Estudos Musicais e coa Real Filharmonía

06 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre a comunidade da Escola Municipal de Música de Santiago (EMM) existe «enorme satisfacción pola mudanza para compartirmos instalacións coa Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) en Vista Alegre. É un proxecto nun edificio magnífico, pensado para as actividades musicais e estamos moi contentos», afirma Fernando Rey, director do centro municipal. Estudou na escola de música e na banda de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) e continuou a súa formación no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Dirixe a EMM de Santiago desde outubro, e a súa especialidade é a trompeta. Falamos o venres, tras finalizar a mudanza desde a Almáciga ás novas dependencias.

-¿É unha boa solución esta mudanza?

-Si, penso que foi unha decisión moi positiva para a EMM. Agora compartiremos espazo cun centro de excelencia e de alto rendemento musical e as sinerxías que se poden crear son moi interesantes.

-¿Como resultou o diálogo?

-Cando o alcalde nos transmitiu esta posibilidade de mudanza, unha comisión negociou os espazos para cada centro e os compartidos. Evidentemente cada parte defendía as súas necesidades. Ao final entendo que predominou a boa vontade e iso permitiu chegar a un bo acordo para o noso traslado.

-¿Comezan o novo curso en Vista Alegre?

-Si, comezamos xa o 11 de setembro, como está programado.

-¿Ve posibilidade de sinerxías entre os dous proxectos?

-Si, e así mo transmitiu o xefe de estudos da EAEM. Compartiremos espazos os dous centros e tamén se farán actividades conxuntamente. Estou certo de que na EMM poderemos gozar da categoría dos seus mestres, e é unha vantaxe que boa parte do persoal docente da EMM nalgún momento tamén se formou na EAEM, ou tivemos relación coa Real Filharmonía de Galicia. Iso vai favorecer un bo ambiente necesario.

-¿Hai zona de estacionamento suficiente e outras infraestruturas para as necesidades da EMM?

-Xa transmitín esa preocupación nas reunións. O certo é que na Almáciga non había moito espazo. Aquí sei que se pensa en diversas alternativas, como abrir o estacionamento do Auditorio de Galicia e algunha solución máis. Niso traballa o Concello. E entendo que haberá espazo suficiente para pais e nais. Unha vantaxe en Vista Alegre é que hai mellor acceso do transporte urbano.

-¿Esquecen agora a idea de situar a EMM no espazo do Conservatorio Profesional de Música?

-Cando comezaron os problemas de espazo co colexio Apóstolo Santiago unha das posibilidades que se valorou foi a de facer un campus musical, aproveitando o espazo que hai xunto ao Conservatorio Profesional. Non sei se con este traslado esa opción seguirá en pé ou se pospón, non é un asunto sobre o que me corresponda decidir. Penso que aquel proxecto tamén se podería contemplar aquí, Vista Alegre é agora un espazo ideal para ter un bo Campus da Música, porque a EAEM é un centro de ensino superior, e están tamén o noso centro, a Real Filharmonía, o Auditorio, un parque precioso... este enclave vai ser magnífico para a actividade musical.

«Era preciso dispor de máis espazo polas expectativas de crecemento que temos»

Para a súa formación, Fernando Rey tivo relación co trompeta principal da Real Filharmonía, quen é tamén profesor dese instrumento na Escola de Altos Estudos Musicais. Insiste en que o coñecemento entre o persoal dos dous centros vai ser positivo.

-¿Como é o alumnado da Escola Municipal de Música e como será a actividade en Vista Alegre?

-Temos alumnado desde os 3 anos, e penso que a máis veterana é unha guitarrista de 83 anos. En total son 440 estudantes de música e 21 docentes. No novo curso funcionarán 3 aulas de Música e movemento, outras 3 de Linguaxe musical e outras disciplinas teóricas, e 9 de instrumento.

O horario será fundamentalmente de tarde, entre as 16.00 ás 22.00 horas, con moi poucas excepcións. Para o alumnado da EAEM o centro abrirá ás 8.00, para que aproveiten máis o tempo, pois teñen uns estudos moi esixentes e evidentemente non van ter as mesmas posibilidades que antes de virmos nós. Ao estarmos dous centros xuntos, o espazo vai ser utilizado ao máximo.

-¿Qué expectativas ten a Escola Municipal de Música?

-É un servizo que está en auxe, por iso era preciso dispor de máis espazo, polas expectativas de crecemento que temos, que son moi importantes, e así poder atender as demandas da cidadanía. A matrícula aumenta cada ano. Quizá inicialmente non lle conveña a algunha familia a nova situación en Vista Alegre, aínda que temos moita demanda, chaman continuamente interesándose polas prazas.

-¿Haberá novidades na docencia?

-Manteremos un seminario de música tradicional e, como é habitual, organizaremos cursos de cámara ou saídas á rúa. Tamén pretendemos que se nos visualice máis, que a cidade saiba da nosa nova situación e das posibilidades que ofrecemos, abertas a toda a cidadanía.

-¿Van ter unha asociación de nais e pais?

-Nas asembleas celebradas para o traslado comezaron os trámites para formar unha asociación.