Negreira, A Baña e Val do Dubra programan en agosto tres rutas polo Tambre

La Voz NEGREIRA / LA VOZ

VAL DO DUBRA

SABELA IGLESIAS

A primeira ruta será o 3 de agosto, por Negreira, percorrendo a ruta dos Tres Pazos

28 jul 2019 . Actualizado a las 22:38 h.

Os concellos de Negreira, Val do Dubra e A Baña organizan un programa de tres rutas de sendeirismo arredor do río Tambre para mergullarse na natureza, a historia e as incontables paisaxes da contorna, durante os tres primeiros sábados do mes de agosto.

A primeira ruta será o 3 de agosto, por Negreira, percorrendo a ruta dos Tres Pazos, de 15,5 quilómetros circulares, pasando polo paseo fluvial do río Barcala, o refuxio de Covas, a eterna Pontemaceira e os tres grandes pazos que hai no concello: O Cotón; o de Balandrón e o de Albariña.

A segunda ruta será a do Remuíño, en Val do Dubra, o sábado 10 de agosto. Consta de trece quilómetros, entre ida e volta, partindo do colexio de Portomouro para subir río arriba pasando a ponte de Portomouro, a pequena aldea abandonada de As Novais e a súa vella capela, así como bosques autóctonos e a histórica fábrica do Remuíño, pioneira na zona en canto a transformación da enerxía hidráulica en electricidade a mediados do século vinte.

Por último, o sábado 17 terá lugar a ruta da Ribeira do Tambre, polo concello da Baña, con saída da área recreativa de Fiopáns para percorrer os seus once quilómetros (ida e volta). Subindo río arriba déixase a aldea de Portalaxe, coas súas pontellas, percorrendo camiños de pescadores e de labregos, así como un inmenso bosque de galería con carballos centenarios e muíños que contribuíron a escribir a historia dos lugares que atravesa.

Dende as 9 da mañá

As saídas destas tres rutas serán ás nove da mañá e cómpre inscribirse previamente na caseta de turismo de Negreira, ou chamando ao número de teléfono 650 796 956 para participar en calquera das tres actividades. En Val do Dubra, no número 981 889 000 para a ruta do Remuíño; ou no Concello da Baña (981 886 777), para a ruta da Ribeira do Tambre.