«Volvería facer a mesma carreira»

Sara Carreira Piñeiro
Sara Carreira REDACCIÓN / LA VOZ

TRAZO

cedida

25 nov 2018 . Actualizado a las 04:45 h.

Saúl Domínguez (Trazo, 1993) traballa hoxe en Madrid, onde o fichou unha empresa multinacional dedicada á construción de refinerías.

-Traballa na mesma empresa dende que deixou a facultade?

-Non. Cando saín das prácticas do máster quedei na empresa na que as fixera. Alí desenvolvín o traballo de fin de máster e despois estiven unha tempada, pero pronto encontrei traballo noutra compañía e alí estou.

-Non está en Galicia.

-Non, traballo en Madrid. Os enxeñeiros temos moita deslocalización, e ao principio asentarte nun sitio pode ser difícil.

-A vantaxe dun enxeñeiro do seu perfil é que a industria e a química son campos moi amplos.

-É certo, podemos estar en case calquera tipo de empresa.

-Co que sabe hoxe, volvería estudar a mesma carreira?

-Si, se fose dedicarme ao mesmo que agora.

-Cre que os enxeñeiros químicos galegos teñen o mesmo nivel doutras universidades?

-Sen dúbida. En xeral, no que toca ás enxeñarías, nunca notei diferenzas de nivel, ao contrario se me apuran. Máis baixo ca outros, non. Temos un bo nivel aínda que, como é lóxico, uns son bos nunhas cousas e outros, noutras.

-A carreira era o que vostede esperaba?

-Eu acabei neste grao un pouco ao chou. Gustábame moito a química e dixéronme que esta era a mellor opción, aínda que ten menos química do que eu esperaba.

Saúl Domínguez.