Outro dos deseños permitiu mudar a percepción da rúa de Ramón Cabanillas, con Aitor como protagonista por duplicado. Por falta de tempo, non se puideron facer todos os traballos, pero si a meirande parte deles porque varios días de faena foron necesarios para deixar listos os muros e tamén para debater e elixir os elementos dos murais.
Na rúa Castelao negociaron unha solución artística contemporánea reproducindo unha das súas ilustracións, neste caso moi vinculada á violencia de xénero, polo que a cor elixida foi a que tamén simboliza o feminismo. Non hai vila galega que non teña unha rúa ou un recuncho que lembre a Rosalía de Castro. E Fonte Díaz non ía ser menos. Neste caso, o grupo e a arquitecta argallaron un deseño moi particular co corpo doutro rapaz, Xoán, coa súa sombra reflectida na parede deste pequeno espazo, no que o poema da escritora e a sombra transformaron por completo un lugar de descanso que xa tiña unha gran mesa e bancos. Nesta pequeniña ágora, todas as partes implicadas no proxecto tiveron tempo para un pequeno balance despois dunha semana de traballo. Sandra González recoñeceu o bo resultado da humanización conseguida, mentres a edila de Educación, Ana Iglesias, confirmaba tamén o interese do Concello por manter esta actividade implicando de novo á mocidade.