O proxecto arquitectónico A Vila do Mañá chega a Fonte Díaz para quedarse
16 ago 2021 . Actualizado a las 21:37 h.Os muros ao aire e os espazos públicos con pouco xeito non están só nos núcleos urbanos, xa que o rural, escaso de mocidade, tamén ten recunchos que necesitan un bo apaño. Darlle unha volta a iso é no que traballa a arquitecta Sandra González co seu proxecto A Vila do Mañá, que quixo desenvolver no municipio de Touro. A súa idea foi ben acollida, pero tivo que adaptarse á realidade deste concello e así xurdiu un novo proxecto no que todas as partes implicadas puxeron moito da súa parte para que o resultado fose un éxito.
Un dos cambios foi que no proxecto participase un grupo de adolescentes para facer varios deseños de arte urbana. E foi o que fixeron, maila que antes tamén tiveron que traballar a reo para dispor dos muros como se fosen un lenzo branco, polo que houbo que botarlle unhas boas capas de pintura e tamén algunha limpeza de musgo. «Eu nunca usara un rolo», recoñecía Sandra González mentres facía a visita guiada polos distintos murais que agora danlle outro xeito ás rúas e prazas de Fonte Díaz, nas que van quedar para a posteridade. A primeira parada foi na praza de Martín Códax, na que unha das súas cantigas complementa o deseño que reflexa a Noa, unha das rapazas que formou parte do proxecto, que mudou varios dos espazos con nomes de referencia da literatura galega.
Como o resto de traballos, todos teñen escala humana, porque esa é a filosofía do proxecto que comezou en Rianxo no 2016 e que en Touro tamén é posible grazas a unha subvención autonómica do departamento de Normalización Lingüística.
Outro dos deseños permitiu mudar a percepción da rúa de Ramón Cabanillas, con Aitor como protagonista por duplicado. Por falta de tempo, non se puideron facer todos os traballos, pero si a meirande parte deles porque varios días de faena foron necesarios para deixar listos os muros e tamén para debater e elixir os elementos dos murais.
Na rúa Castelao negociaron unha solución artística contemporánea reproducindo unha das súas ilustracións, neste caso moi vinculada á violencia de xénero, polo que a cor elixida foi a que tamén simboliza o feminismo. Non hai vila galega que non teña unha rúa ou un recuncho que lembre a Rosalía de Castro. E Fonte Díaz non ía ser menos. Neste caso, o grupo e a arquitecta argallaron un deseño moi particular co corpo doutro rapaz, Xoán, coa súa sombra reflectida na parede deste pequeno espazo, no que o poema da escritora e a sombra transformaron por completo un lugar de descanso que xa tiña unha gran mesa e bancos. Nesta pequeniña ágora, todas as partes implicadas no proxecto tiveron tempo para un pequeno balance despois dunha semana de traballo. Sandra González recoñeceu o bo resultado da humanización conseguida, mentres a edila de Educación, Ana Iglesias, confirmaba tamén o interese do Concello por manter esta actividade implicando de novo á mocidade.
Marta Iglesias, de 12 anos, foi unha das participantes, no seu caso chegada de Cruces. Pensaba que non o ía pasar moi ben porque non coñecía a ninguén, pero xa quere repetir se é posible. Tamén Alba Naveiro, de 14 anos, con familia en Touro pero veciña de Culleredo, onde di que non ten tanta liberdade, polo que quedou con gañas de máis actividades. Tamén Aitor Ávila, de Touro, que desvelou que tiveron tempo para combinala cos xogos da Pokémon, invitou a todo o mundo a visitar Fonte Díaz e ver así a nova faciana destes espazos con escala máis humana e chea de cultura galega.