Cento cincuenta Parafitas reunidos en Tordoia: «Hai xente aquí á que nunca vira diante!»

M. López CARBALLO / LA VOZ

TORDOIA

O Abaladoiro | Entrañable e numerosa xuntanza desta familia, asentada fundamentalmente en Tordoia e Val do Dubra

22 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxar seis xeracións atrás no tempo e recoller todos os nomes dunha familia nunha árbore xenealóxica ten o seu mérito, pero máis difícil aínda é contactar a tódolos descendentes vivos e xuntalos para comer. Ese foi o caso, onte, da familia Parafita, orixinaria na súa maior parte de Val do Dubra e Tordoia, que reuniu en torno a 150 membros nun xantar celebrado no polideportivo de Gorgullos.

Malia o intenso calor, a xornada pagou a pena. «Veu xente da Coruña, de Santa Comba... A moitos tíñaos controlados e outros sonábanme de vista, pero hai xente aquí á que nunca vira diante!», exclamaba ao mediodía un dos asistentes. Houbo misa, xantar a cargo dunha polbeira, grupo musical e longas horas de sobremesa que serviron para compartir lembranzas, poñerse ao día ou recordar aos antepasados: «Porque quen esquece as súas raíces, perde a súa identidade...», apuntaba o cartel anunciador.