Un alcalde dos bos, dos de sempre

Diego Calvo

TORDOIA

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falei con el por última vez hai unhas semanas, en Melide, nunha reunión cos nosos candidatos ás alcaldías. Antonio Pereiro estaba ilusionado, coma sempre, ante o reto dunhas novas eleccións municipais e falaba desas ansias de renovar a confianza cos seus veciños como só o fan os que verdadeiramente teñen vocación de servizo público. O pasado sábado, ao acto de presentación pública dos 313 cabezas de lista de Galicia para os comicios de maio, tiña confirmada a súa presenza, pero xa non puido vir.

O noso alcalde de Tordoia era un servidor público entregado ao seu pobo. Foino primeiro como funcionario e logo como rexedor desde o ano 1999. Non escatimou nunca esforzos nin tempo para atender aos seus, e vía e sentía como propios os problemas e as carencias dos que lle pedían axuda. Para el, merecía tanta atención o punto de luz a carón da última casa da última parroquia como os trámites para a aprobación do plan xeral de urbanismo, a apertura dunha nova estrada ou calquera preocupación persoal dun veciño. De feito, Tordoia pode

presumir hoxe de ser un concello moi diferente e moi mellorado con respecto ao que era hai 20 anos... e iso é todo mérito de Antonio e o seu equipo.

A nós, aos seus compañeiros do Partido Popular, ensinounos a amar a política local, a respectar por riba de todo aos votantes e a entender o traballo como unha dedicación a tempo completo, as 24 horas dos 365 días do ano. Como os alcaldes de sempre, que a pesar de coleccionar maiorías absolutas e conseguir o apoio de máis do 70 % dos seus veciños nunca esquecen o seu deber.

Nestes tempos en que a política está chea de márketing e de mensaxes baleiros e afastados da realidade, creo de verdade que é necesario reivindicar o valor de persoas como Antonio Pereiro, persoas próximas, coñecedoras do día a día dos seus veciños e que fan do trato humano e persoal a máxima do seu traballo. Dende que o coñecín, cando eu empezaba nisto da política, pouco lle puiden ensinar... pero canto aprendín del, dese home cos pés na terra e o sombreiro sobre a cabeza, ao que daba gusto escoitar e pedir consello.

Antonio Pereiro deunos unha lección de política de verdade aos que compartimos traballo con el. E nos últimos anos deunos tamén unha lección de vida aos que, por desgraza, sufrimos de cerca a súa enfermidade.

¿Por que será que os bos e xenerosos marchan sempre antes de tempo? Amigo... alcalde... traballaremos para honrar a túa memoria cunha nova vitoria dos teus en Tordoia. Ata sempre.

Grazas.