Un alcalde dos bos, dos de sempre

Diego Calvo PRESIDENTE PROVINCIAL DO PP EN A CORUÑA

TORDOIA

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falei con el por última vez hai unhas semanas, en Melide, nunha reunión cos nosos candidatos ás alcaldías. Antonio Pereiro estaba ilusionado, coma sempre, ante o reto dunhas novas eleccións municipais e falaba desas ansias de renovar a confianza cos seus veciños como só o fan os que verdadeiramente teñen vocación de servizo público. O pasado sábado, ao acto de presentación pública dos 313 cabezas de lista de Galicia para os comicios de maio, tiña confirmada a súa presenza, pero xa non puido vir.

O noso alcalde de Tordoia era un servidor público entregado ao seu pobo. Foino primeiro como funcionario e logo como rexedor desde o ano 1999. Non escatimou nunca esforzos nin tempo para atender aos seus, e vía e sentía como propios os problemas e as carencias dos que lle pedían axuda. Para el, merecía tanta atención o punto de luz a carón da última casa da última parroquia como os trámites para a aprobación do plan xeral de urbanismo, a apertura dunha nova estrada ou calquera preocupación persoal dun veciño. De feito, Tordoia pode presumir hoxe de ser un concello moi diferente e moi mellorado con respecto ao que era hai 20 anos... e iso é todo mérito de Antonio e o seu equipo.

A nós, aos seus compañeiros do Partido Popular, ensinounos a amar a política local, a respectar por riba de todo aos votantes e a entender o traballo como unha dedicación a tempo completo, as 24 horas dos 365 días do ano. Como os alcaldes de sempre, que a pesar de coleccionar maiorías absolutas e conseguir o apoio de máis do 70 % dos seus veciños nunca esquecen o seu deber.