Curuxás 1, Franco 0

O cadáver do guerrilleiro apareceu en Toques colocado sobre un carro de vacas. Era o 17 de maio de 1967. Fotografía extraída do libro de Carlos Parrado «Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco»


«Morreu o págharo, morreu o págharo», berraban polo cuartel de Palas de Rei aquel 14 de maio de 1967. Viña de aparecer, en Vilamor (Toques), o corpo sen vida do derradeiro guerrilleiro galego, Ramón Rodríguez Varela (Toques, 1904-1967), alcumado Curuxás. O verdadeiramente singular desta fotohistoria é que o cadáver do Curuxás apareceu de súpeto aquel día colocado sobre un carro de vacas, vestido con boas roupas e cunha pistola Astra (nº 48.663) no seu cinto, cun cargador completo e bala na recámara. Era o último aceno de rebeldía dun home que botara 31 anos resistindo e loitando contra franquismo. Aquí comezaba a lenda.

Na prensa de Bos Aires titularon «Murió pero no lo atraparon», pois efectivamente así foi, como sostén o investigador melidense Carlos Parrado: «O único fuxido -despois guerrilleiro e logo de novo fuxido- que non se exiliou, nin se entregou, nin o prenderon nin o mataron». Parrado escribiu hai uns anos Curuxás. O guerrilleiro que non cazou Franco (A Nosa Terra, 2009), un modélico traballo onde conta a súa incrible historia.

A imaxe do Curuxás morto sobre o carro é todo un documento. Falecera dun ataque de tose como consecuencia da silicose dos seus tempos de mineiro (axitador da CNT) en Lousame. Vivira entre o monte e o acubillo dos veciños polas terras de Melide e a Ulloa. E lograra fuxir da Garda Civil en moitas ocasións. Ninguén puido con el. O Foucellas fora condenado a morte en 1952, sentenza executada en agosto daquel ano na prisión da Coruña. Ao Piloto atrapárao a Garda Civil no encoro de Belesar en marzo de 1965. Pero o Curuxás seguía fuxido.

O sacrificio da súa familia, durante todo ese tempo, foi enorme. Acosada polos franquistas, catro dos seus fillos exiliáronse a América e a súa muller chegou a pedir esmola para facerlles crer aos gardas que o seu home tamén emigrara. O parte de defunción poñería: «Claudicación cardíaca». Outra non fora posible.

editor@alvarellos.info

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Curuxás 1, Franco 0