O Mosteiro de Santantoíño de Toques

Xosé Manuel Broz DIRECTOR DO MUSEO DA TERRA DE MELIDE

TOQUES

29 ene 2015 . Actualizado a las 13:28 h.

Despois de tantos anos agardando restauración, é unha ledicia contemplar as pinturas da súa igrexa, que foron restauradas. Fai dous anos que se iniciara esta operación, logo foi interrompida por falta de presuposto. Nestes días, despois duns meses de traballo, quedaron rematadas, consolidadas. Así aparece ante nós unha estampa nova e orixinal, que só polo seu valor, converten a Santantoíño- A Capela- como  un auténtico museo de pintura mural e imaxinería. Conxunto único no panorama nacional.
Quen vise antes o interior da igrexa, xa non a coñece polo profundo cambio que sufriu, que lle devolveu toda a orixinalidade e engadiulle autenticidade.
Intuíamos o moito que Santantoíño ten agochado nas súas seculares paredes, pero nesta restauración  final que se fixo nas pinturas, houbo a  gran sorpresa, pois apareceu o lugar orixinal onde estaba colocado o Calvario. Nos recadros pintados sobre o arco triunfal lense os nomes Mater Dei e San Juanis, estando os recadros baleiros e sen pintura, onde se podían colocar as imaxes polo seu tamaño. Era unha evidencia. E así se fixo, colocouse o Calvario, obra do s.XII, que xa fora restaurado fai uns anos.
Quizais o Calvario nun principio estivese colocado na fronte do presbiterio, pero non está confirmado. Cando se decora a igrexa con pinturas no s.XV, por mor de verse mellor, colócase o Calvario no testeiro da nave, sobre o arco, que é a nova estampa que presenta hoxe a igrexa, para sorpresa de todos, compoñendo unha nova imaxe auténtica e de gran valor artístico. Unha imaxe única no patrimonio galego, exemplo a considerar no patrimonio da península, que converte a Santantoíño de Toques nunha referencia no mundo románico e da arte.
O estado de conservación é moi bo, aínda que presenta lagoas na pintura, poderíase dicir que se conserva un 50% do deseño, pero é suficiente para o seu estudio, para relacionalas co taller de Vilar de Donas, con moitos detalles similares e cun repertorio decorativo co mesmo deseño. Esta atribución do mesmo taller e opinión unánime de todos, un pouco posteriores quizais, cun colorido semellante, un pouco máis pobres nos fondos, pero que se adaptaron moi ben e estes paneis máis reducidos.
Agardamos que esta maravillosa restauración executada e a xenerosidade da súa calidade artística  sexan o fermento para novas actuacións e non deixen no abandono esta igrexa, pois aínda queda moito por facer.
E velaí como comeza o milagre artístico de Santantoíño, espertar do seu abandono e amosar a súa arte.
Esta comarca ten sorte artística, que xa era hora, pois renacen para todos dous monumentos senlleiros, o Castelo de Pambre e o Mosteiro de Santantoíño de Toques. Pambre xa é propiedade pública, en boa hora mercado pola Xunta de Galicia, onde será un lugar moi visitado pola súa ubicación nunha paraxe fermosa e pola súa nobre construción, onde ben poderían instalar un museo medieval; e o mosteiro de Toques, situado na súa paraxe de río e fraga, que necesita renacer o seu pasado das ruíñas, que son de propiedade privada e que compre facelas de propiedade pública para ben do patrimonio e poder intervir arqueolóxicamente nelas.
É dicir, Santantoíño non é só unha pequena igrexa, senón que forma parte dun contexto monumental, formado por un río moi pintoresco, as ruíñas dun mosteiro benedictino e unha historia desde o s.X ata hoxe, nunha paraxe montesía de mámoas e castros. O que vemos é só unha pequena mostra.
Cando se continúe coa restauración do interior, e se rebaixe o piso, veranse o limiar e as basas do arco triunfal. 
En canto as ruíñas do mosteiro, onde sobre elas se instalou a fins do s.XIX unha fábrica de puntas, a restauración é doada, pois aparecerán os 2  claustros e outras dependencias que están agochadas baixo a construción da dita fábrica.
Cando se realicen estas operacións, ninguén coñeceremos este mosteiro, pois a súa imaxe será a auténtica, pero moi distinta a que estamos acostumados a ver. 
Dicir que se abre un novo tempo para Santantoíño, que irrompe con forza e autenticidade artística no patrimonio nacional, que se abre camiño para novas restauracións,  que reclama xente sensible co patrimonio para seguir con novas actuacións, e prometer que verán como Santantoíño será xeneroso amosando a súa arte, aínda agochada desde fai séculos, para nós facérmonos merecedores da súa arte e da súa longa historia.