O himno galego da pandemia soa nas xanelas de Cacheiras

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

cedida

As pandeireteiras da asociación cultural Rosalía de Castro crean un tema propio que xa é todo un éxito

21 abr 2020 . Actualizado a las 22:52 h.

Na realidade que estoupou hai pouco máis dun mes, a asociación cultural Rosalía de Castro de Cacheiras (Teo) estaría traballando na festa coa que o vindeiro 4 de xuño ía celebrar os seus corenta anos de existencia.

A pandemia chegou, e con ela o parón cultural ante o seu público, un mal que nin de lonxe supón que parase a súa creatividade. A mellor mostra disto é o himno de sinxelo nome, Canción COVID-19, que o grupo de pandeireteiras da histórica entidade teense vén de sacar á luz, unha xanela virtual que corre que se mata por Youtube e a súa páxina de Facebook. «Quedando na casa farémolo ben/ todos xuntos e unidos poderemos con el» é unha das estrofas dun traballo cun son tan limpo que semella xurdido dun estudo de gravación, que por suposto non utilizaron porque o xerme deste traballo está nas casas e nos miolos de varias pandeireteiras.

A idea ferveu na cabeza de Cristina Moure, pandeireteira desde sempre, o pasado 19 de marzo, cando estaba «aburrida no sofá». Chamou a Monste García, a profesora de pandeireta, que co seu «adiante» comezou a darlle corpo ao proxecto. A seguinte aventureira foi Paula Bustelo, «que é unha crac para as letras». De feito, ao día seguinte, o texto estaba listo e rulando por Whatsapp. Para a música apostaron por unha peza do seu repertorio recollida en Cambre que teñen moi ben aprendidiña, xa que con ela conseguiron no 2018 en Vigo o terceiro premio do concurso de canto e percusión tradicional Traspés.

A montaxe de son foi cousa de Tomás Ageitos Fuentes, e Iria Méndez encargouse da montaxe audiovisual, un traballo no que tamén colaborou Sandra Lodi.

«Queriamos algo máis achegado a nós», di Cristina Moure para explicar a razón dun himno galego para entreter e levantar o ánimo nun momento tan complicado para todo o mundo. «Cantar nas fiestras penso que foi unha idea que quedou moi chula», engade satisfeita cun resultado cunha estética de limpo deseño como as camisetas cun debuxo dunha Rosalía de Castro do século XXI, que tamén foi cousa de Iria Méndez.

No resultado final ten moito que ver que estas pandeireteiras leven dende nenas tocando e cantando xuntas en Cacheiras, una relación á que agora se engade a seguinte xeración grazas ás actividades da asociación de Teo que agora vén de regalarlle un himno de resistencia e de cultura ao seu municipio. 

[[@youtube::https://youtu.be/6rqqtIKbDoI?list=RD6rqqtIKbDoI]