Andrés Boo: «A TNT actuou ata nos sanfermíns, pero Santiago é onde máis nos gusta»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

TEO

XOAN A. SOLER

A charanga leva, e con moito orgullo, o nome da comarca compostelá polo mundo

25 feb 2020 . Actualizado a las 13:05 h.

Nome. Andrés Boo Martínez (Vaamonde, Teo, 1983).

Profesión. Licenciado en Xeografía e «charangueiro».

Rincón elixido. Porta Faxeira, porque «foi onde a Charanga TNT tocou por primeira vez en Santiago. Hai un vídeo en Internet dese momento e é dos que máis visitas ten».

A Andrés Boo, máis coñecido coma Sito, non lle gusta moito iso de ser protagonista, pero cando se trata de poñer en valor o traballo que fai a Charanga TNT da un paso á fronte. O trompetista do grupo que leva -e con moito orgullo- o nome de Santiago e a súa comarca polo mundo adiante, empezou na música de neno. Conta que o seu avó lle prometeu «a bici mellor de todas» se estudaba solfexo. E faltoulle tempo para inscribirse na Banda de Música Cultural de Teo. Nacido e veciño dese concello, de Vaamonde, explica que a súa nai era profesora dunha gardería de Santiago (Bolboreta, na Carreira do Conde), polo que el e mailas súas irmás foron escolarizados no municipio compostelá, onde transcorreu boa parte da súa infancia e mocidade.

Foi nos seus anos de universitario, sendo estudante de Xeografía, cando naceu a Charanga TNT, da que forma parte este trompetista de 36 anos, o pequeno de tres irmáns. Sito explica que todos os seus compoñentes (de Teo, Vedra e A Estrada) tocaron nalgún momento na banda teense. «Cando a montamos non había tanta charanga. As comisións viñan a preguntar ás bandas se lle tocabamos unhas pezas para animar a festa. Vimos que había demanda e montamos algo máis serio, ensaiando», relata.

Isto foi no ano 2008 e, a primeira actuación, nas festas de Vilariño (Teo). Unha década despois, son unha das charangas máis coñecidas de Galicia e mesmo fóra dela. «A TNT actuou ata nos sanfermíns, pero Santiago é onde máis nos gusta. É outro mundo, sempre hai turistas e xente disposta a parar a escoitarte e desfrutar», asegura Sito en nome dos nove compoñentes, aos que une unha amizade ademais da música.

Momentos únicos e curiosos

Sito recorda ben esa primeira actuación en Compostela. Foi en Porta Faxeira, no 2009. Tamén se lembra dunha conga descomunal que se formou entorno á TNT en Praterías, con xente de todas partes do mundo nela. Expertos en festas, vodas, bautizos, comuñóns, despedidas de solteiro, aniversarios e en canta escusa haxa para celebrar; chegaron a facer 60 bolos no ano cando estaban a pleno rendemento (agora baixaron o ritmo, porque cada un ten a súa profesión, familia e compromisos varios). ¿Peticións curiosas? Hóuboas de todo tipo. Pedíronlles moitas veces «música de striptease», mesmo o himno do Depor nunha voda -cousa dos noivos- e tocar todas as intervencións (improvisadas) dunha misa cantada a falta de coro.

A TNT é coñecida por levar ás festas o primeiro carro de percusión motorizado (teñen outro sen motor) cun disparador de confeti, luces, flash, láser, máquina de fume e pirotecnia. Buscaron a axuda dun ferreiro e fixeron realidade o proxecto con Samuel á cabeza, «o manitas da charanga. Arranxa todo... ata problemas persoais», di Sito sobre o electricista e fontaneiro do grupo, no que hai dende un perruqueiro ata un técnico de radio ou un amante dos cabalos ao que teñen por tratante. Recoñece Sito que a festa tivo algunha vez que ser á porta dun local por non entrar o carro pola entrada e que unhas cantas veces parou a animación da ruta dos viños a Policía de Santiago polas despedidas de solteira que non piden permiso para que toquen na rúa: «Agora xa lles pedimos a autorización antes de nada».

¿O segredo dunha boa charanga? «Transmitir alegría. Para facer unha boa festa telo que pasar ti ben... se vas tocar en plan robot non funciona», responde o trompetista da TNT, que ten entre os seus maiores hits o pasodobre Agárrate saxo, Que bonita es la amapola e Mentirosa. «¡Non sei cantas veces as tocaría!», exclama. O grupo chegou a contar co seu propio club de fans oficioso que os seguía alá onde ían, máis alo da familia, claro está. «A charanga serviulles a todos para ligar, menos a min, que xa empecei con moza», di cun amplo sorriso Sito.

«Na zona histórica, onde nós tocamos, as festas non cambiaron nada»

Sito repara en como foi mudando o Santiago que el coñeceu de neno: «A Carreira do Conde cambiou moitísimo, por exemplo... Recordo que a miña xeración ía a Simago [hoxe Carrefour], daquela o centro comercial máis grande do centro... ¡e non falemos xa da noite!». El, que ten pasado os anos de universitario en Santiago, da boa fe do declive da movida, especialmente na zona nova da cidade. «Sen embargo, na zona histórica, onde nós tocamos, as festas para as que nos chaman -coma Apóstolo ou a Ascensión- non cambiaron practicamente nada nos últimos dez anos. Son todo turistas. Outro caso é o do Ensanche, ese si que non ten nada que ver co que era».

O trompetista da TNT sinala que, despois do verán, o entroido é a tempada máis alta para a charanga. Son unhas semanas que eles viven tamén con intensidade e poden presumir de que non repetiron traxe nin un só ano. Este os músicos van do clero. Disfrazáronse outras veces de gardas civís, froitas, da Pantera Rosa e mesmo de flores (feitas con moito agarimo pola nai de Sito). «Teño o faiado cheo só coa vestimenta de reserva. Aquí non tiramos nada. Nin o primeiro uniforme, que eran uns petos, o máis barato que había... ¡Somos unha charanga ecolóxica!, que iso se leva moito agora», comenta entre bromas o teense, a cabalo entre este concello e o santiagués. Por reciclar, reciclan ata as coreografías. Calquera paso que se lance a facer un e siga outro, incorpórase ao repertorio de baile, se ben é certo que «Martín é a alma das coreografías», afirma Sito.

Sobre o resto de compañeiros de charanga di o trompetista que, aparte de bos músicos, «son moi festeiros todos, pero boa xente». Para el, toda as anécdotas que levan vivido (que son unhas cantas), poden resumirse niso.