«Non concibimos outro xeito de falar coa clientela que non sexa en galego»

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

PACO RODRÍGUEZ

Máis de setenta locais de Santiago, Ames e Teo ofrecen servizos e produtos coa lingua galega como referente

17 dic 2019 . Actualizado a las 00:06 h.

Á presenza do galego como lingua de referencia da comarca de Compostela ben se lle pode aplicar o dito de que son todos os que están, pero non están todos os que son. A plataforma #galegoempresas é a mellor forma de comprobalo, xa que nesta iniciativa, promovida polo departamento de Normalización Lingüística de Santiago, á que se sumaron Ames e Teo, ten nestes intres setenta e sete establecemos inscritos.

O uso do galego non é igual en todos eles, xa que a porcentaxe vai do 100 % ata o 51 %, xa que neste último caso está unha empresa de comunicación que traballa con clientela de fóra de Galicia e unha axencia de viaxes, que organiza visitas en diferentes idiomas. Iso si, todas elas teñen moi claro que o galego é a súa lingua, e por iso a usan para o seu contacto co público, aínda que despois, se cómpre, tiran doutras linguas ou recursos para comunicarse. «Nós non concibimos outro xeito de falar coa nosa clientela que non sexa usando o galego, porque temos que axudar a que a xente se sinta cómoda». Así o explica Isidro Pernas, de Multicentro Pernas, un histórico establecemento de Pontevea, no concello de Teo. No seu caso, a incorporación no programa é moi recente, e non supuxo apenas cambios no xeito de traballar para a plantilla, de quince persoas.

Esta reflexión é moi semellante á de Katia Mera e Enrique Martínez, da tenda Legumia, que vende cultivos ecolóxicos e de proximidade en Santiago. «Apostar polo galego foi continuar coa nosa normalidade», sinala Mera, que ve un valor engadido en que o primeiro contacto co público sexa en galego, «aínda que despois te adaptes».