Xabier Macías: «Moitas persoas viviron a ameaza de perder a casa, e aínda acontece hoxe»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

TEO

SANDRA ALONSO

O Colexio de Psicoloxía quere potenciar a intervención realizada 15 meses en Santiago

22 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A angustia e as preocupacións de persoas e familias de Santiago pola posibilidade de perder a vivenda que tentaban comprar ou que tiñan alugada, ao non poderen pagar a hipoteca ou a renda mensual, foi un dos principais ámbitos de actuación de Xabier Macías en 2016 e 2017, como profesional seleccionado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), para participar nun convenio co Concello e co Colexio de Avogados. «Desde os inicios da crise aumentaron os problemas e moitas persoas viviron a ameaza de perder a vivenda, aínda acontece hoxe. E as dificultades son maiores sobre todo para colectivos estigmatizados ou en situacións de vulnerabilidade social», manifesta Macías.

Foi un proceso que principiou cun protocolo dos concellos de Santiago, Ames e Teo para actuar na prevención de desafiuzamentos e para a atención das persoas afectadas polos mesmos. Despois, o de Santiago asinou convenios co COPG e co Colexio de Avogados, para implantar un programa piloto de actuación, que funcionou 15 meses, en 2016 e 2017, e foi pioneiro en Galicia. O COPG quere recuperar esa experiencia de novo en Compostela, e que se asuma en máis concellos, di a decana, Rosa Álvarez.

«A idea era ofrecer novos recursos, sobre todo nos niveis preventivo e de actuación comunitaria en relación ao tema da vivenda, para complementar os que xa funcionaban no Concello», explica Macías.

Nese tempo, refire, «traballei con comunidades veciñais de vivendas sociais e con casos que nos derivaban os servizos sociais, alén de actuacións máis particulares e individuais para o acompañamento e apoio de persoas en risco de perda da vivenda, ou con problemas graves por ter que asumir como a perdían».

Desa actividade resalta que «en 2017 tiven 44 reunións con presidentes e representantes de 6 comunidades veciñais de vivendas sociais; e atendín 238 actuacións diferentes con 25 casos individuais e de familias, coa coordinación técnica dos servizos sociais comunitarios, que tiñan un equipo formado por 4 educadoras sociais e 4 traballadoras sociais. Deses 25 casos, 10 eran familias en risco de desafiuzamento, 8 con conflitividade veciñal, e 7 con problemas de adaptación ou de procura de vivenda. O resultado foi especialmente positivo en 8 casos, porque se conseguiron solucións; e en 6 máis houbo unha contención ou ralentización do problema», indica.

Foron actuacións «de acompañamento, asesoramento e apoio na procura dunha nova solución, para afrontaren o problema da perda da vivenda. No ámbito da vivenda social, constatei tamén a necesidade dalgún programa ou recurso para o seguimento dos casos de dificultade por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo, pois despois da adxudicación dunha vivenda social non hai ningún servizo autonómico con técnicos sociais que fagan o seguimento ás persoas ao se incorporaren ás comunidades veciñais, e iso agrava o problema».

Macías di que traballou sempre na intervención social e comunitaria, en concellos: «É un ámbito moi amplo, con moito espazo para profesionais da psicoloxía, de maneira complementaria aos servizos socias ordinarios, para facer máis actuacións preventivas e comunitarias. Nesta experiencia de Santiago, nos servizos sociais agradecían a posibilidade dun traballo máis a medio prazo, menos condicionado pola urxencia. E os representantes das comunidades veciñais agradecían tamén o apoio para resolver conflitos ou problemas que se dan. O traballo interdisciplinario, con avogados e persoal dos servizos sociais, mellorará se hai continuidade, e favorecerá unha mellor prevención e intervención comunitaria», insiste.

Xabier Macías. Foi decano do Colexio Oficial de Psicoloxía. Exerce na intervención social e comunitaria municipal.

Convenio. Participou nunha experiencia pioneira, con persoas e familias de Santiago con problemas de vivenda, co Concello e co Colexio de Avogados.