Luz Eyo: «Aprender a cultivar alimentos locais é bo para a saúde e para o ambiente»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

TEO

SANDRA ALONSO

A doutora en Bioloxía ensina nun curso no Centro Xove da Almáciga como facer unha horta en condicións

29 may 2018 . Actualizado a las 14:26 h.

Quince mozas e mozos, con idades entre 16 e 35 anos, realizan no Centro Xove da Almáciga un curso para aprender a cultivar unha horta e producir alimentos locais e de temporada. A programación contempla actividades moi prácticas, un día á semana e durante dúas horas. Luz Eyo, doutora en Bioloxía pola USC e docente, é quen se ocupa de dinamizar o ensino. Como proba do interese existente indica que «aínda que comezamos a semana pasada, o día 21, houbo quen xa repetiu a maiores do horario previsto. Porque lles pedín que, se alguén se animaba, podía vir botar unha man dous días máis tarde, para axudar a acondicionar a terra; e levei unha sorpresa cando viñeron máis da metade», afirma Luz.

Utilizan unha terra, ao pé do propio Centro Xove, que levaba un ano sen traballar: «Primeiro tivemos que facer os bancais. Para iso houbo que sachar, claro. Así, pouco a pouco van vendo como se vai acondicionando a terra, para as esixencias dos alimentos propios de cada zona e de cada época do ano. Principiaremos plantando leitugas, pementos e tomates. E despois xudías, cogombro, cabaciña e outras variedades», esclarece a docente.

Entre quen asisten hai situacións moi diversas: «Algunhas das persoas teñen horta en Belvís, en Caramoniña, ou noutros espazos de Santiago, ou de fóra; outras só lembran cando, hai xa algún tempo, ían recoller as patacas ou outras colleitas coa familia, e queren recuperar aquelas vivencias; hai quen sabe e quen non ten idea, ou moi pouca. Para todos os casos, aprender a cultivar alimentos locais, frescos e de temporada é bo para a saúde das persoas e para o medio ambiente; é unha maneira de mudar para ben, perante por exemplo a preocupación existente polo cambio climático», acrecenta Luz.

Esta bióloga destaca que os hortos escolares que desde hai anos aumentan e se manteñen en varios colexios «son tamén unha idea moi boa, para que o alumnado coñeza a procedencia dos alimentos, como pasan desde o solo ao prato, como chegan ao supermercado. Ese é un coñecemento moi importante para unha boa formación e que coñezan mellor a contorna».

Até principios de novembro, cando está previsto que finalice este curso na Almáciga, haberá tempo tamén para ensinar a elaborar conservas, facer un sementeiro, un composteiro ou un sistema de rego por goteo, alén doutros contidos de interese sobre horta e fruticultura. Ao final mesmo se pretende «preparar unhas aulas que se poidan gravar, para facer divulgación de bricohortoconsellos nas redes e animar a outras persoas a faceren a súa propia horta», manifesta a docente.

«Tamén, cando teñamos máis avanzado o cultivo, favorecerase que veña máis xente nova para ver a recolección. E de saír ben a experiencia, e se a puidermos manter outros anos, valoraremos mesmo cultivar alimentos con finalidade social, para distribuír entre as persoas que máis os precisen, como unha alternativa para os comedores sociais, iso estaría ben», salienta.

Luz explica que «este non é un bo ano para a horta, porque o tempo non foi gran cousa e porque o terreo estaba sen acondicionar». Ten experiencia de formar a persoas desempregadas neste asunto. Na súa horta, en Teo, con cultivo con invernadoiro «producimos o básico, e tamén aproveito para probas; e utilizo os resultados nas aulas».

Luz considera que sería do maior interese «dar vida ás moitas hortas espalladas por todo Santiago». Insiste en que «hai moitas persoas interesadas en pór mans á horta, en tocar a terra e en aprender a producir».

Este curso no Centro Xove é unha das propostas que se fixeron nos orzamentos participativos do Concello para este ano, e a edila Noa Morales resaltou a moita votación que a apoiou.

A docente. Luz Eyo é doutora en bioloxía pola USC. No curso da Almáciga ensina desde como preparar a terra a diferentes aspectos de hortofruticultura.

O curso. Ten quince participantes, con idades entre 16 e 35. Aprenden até novembro como cultivar produtos de horta.