«Xuntar a 2.500 persoas vendo teatro na Quintana foi un punto emocional»

Unha Antoloxía da Ultranoite, en Teo, porá o peche aos actos do 30 aniversario


santiago / LA VOZ

A compañía Chévere afronta a recta final dos actos cos que celebrou tres décadas de traxectoria. Os seus compoñentes, segundo destaca un deles, Xesús Ron, tiñan por obxectivo divertirse tanto como o público. Será a partir do día 8 coa Antoloxía da Ultranoite, en Teo.

-Será o peche dos actos?

-Basicamente, acábanse. Continuará a colección de textos de Chévere que está publicando Kalandraka. Publicarase outro libro neste ano e seguiranse editando no 2018.

-Foi moi difícil facer a selección dos números desta Ultranoite?

-É antolóxica pero tamén vai haber algún número novo. A selección é difícil porque hai centos e centos de números e porque, moitas veces, sobre todo os máis antigos, se facían para unha única Ultranoite e non hai un guión escrito que conservemos. Chegamos ao consenso de facer un repaso por algúns números e personaxes que xurdiron nas Ultranoites e, aínda que haberá algún número antigo, case todos serán da última época. Aínda que case todos os actos do 30 aniversario se centraron en Santiago -porque para nós era unha forma de reivindicar que Chévere e Santiago son dúas cousas que van unidas-, tamén é certo que nos últimos anos todo o noso traballo se empezou a desenvolver en Teo, entón esta Ultranoite tamén é expresar un recoñecemento ao feito en Teo. A antoloxía tamén nos permite convidar a artistas que tiveron presenza importante nas Ultranoites e nas últimas non era habitual que estiveran, como Quico Cadaval, Os da Ría, os Magical Brothers...

-Que balance fan dos actos do 30 aniversario?

-Para nós implicaban un risco importante polo esforzo de volver a montar tres obras completas -algunhas delas que non se facían desde hai 20 anos-, nun tempo moi limitado e para unha xira moi limitada. Era un reto, moito esforzo e queriamos facelo cunha inversión propia, polo que máis da metade do orzamento saía da taquilla. Ademais, só había unha participación do Concello de Santiago. Nin Agadic, nin Xunta, nin Deputación entraron a financiar os actos. O balance é extraordinariamente positivo, porque se superaron as nosas expectativas. En Santiago houbo 6.400 espectadores vendo os espectáculos, o que é extraordinario. E no total, coas tres actuacións fóra, chegouse aos 8.000. Parécenos un éxito absoluto. O final na Quintana, de acceso libre, foi un punto emocional porque había 2.500 persoas e non é fácil xuntar a tanta xente vendo un espectáculo de teatro.

-Que é o próximo de Chévere?

-Estamos coa Ultranoite, tamén retomamos a xira de Eroski Paraíso, que vai ser moi intensa, porque desde setembro ata febreiro temos actuacións todas as semanas. É unha xira que o 80 % das funcións van ser fóra de Galicia, o que para nós vai ser romper tamén esa fronteira da dificultade de saír fóra e facelo con esta intensidade. Imos estar en Murcia, Castela-León, Madrid, País Vasco, Castellón, Granada, Sevilla, Zaragoza... É unha xira moi extensa e que para Chévere é moi importante porque vai ser a primeira vez que imos estar en todas as comunidades autónomas cun espectáculo. Tamén estamos actualizando unha peza no marco do programa que temos de perspectiva de xénero e seguimos coa Berberecheira, de soporte para outros proxectos, como o de Goldi Libre, que hoxe (por onte) se presenta en Madrid. No outono sairá o terceiro proxecto deste laboratorio, que se chama Anatomía dunha serea.

-Cando presentaron os actos do 30 aniversario, vostede falaba de que este era un proxecto «independente, comprometido e en galego». Tiveron algunha vez a tentación de deixar ese compromiso e irreverencia?

-É irrenunciable, posto que é un posicionamento que a compañía adquiriu a través do compromiso que a título máis persoal tiñan todas as persoas que a formaban. Chévere nace facendo teatro por divertirse, pero pouco a pouco a actitude combativa que tiñan todos os membros acabou por impregnar a compañía. A partir dun momento, si que todos os temas que se tocan teñen un pouco de compoñente social, tamén, se se quere político, á hora de xerar debate e de axitar un pouco as conciencias do público. Isto non significa que os espectáculos non sexan populares, acceden a moitísimo público e nos está permitindo vivir cada vez máis dos recursos propios pola explotación dos espectáculos. Agora mesmo as subvencións son mínimas.

Xesús Ron. É un dos impulsores de Chévere desde o nacemento da compañía hai trinta anos.

Antoloxía da Ultranoite. Haberá sesións os días 8, 9, 15, 16, 22 e 23 de setembro, a partir das 22 horas, no auditorio Constante Liste de A Ramallosa. As entradas xa se atopan á venda.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Xuntar a 2.500 persoas vendo teatro na Quintana foi un punto emocional»