Poñen en valor o legado de Ánxel Casal en Santiago e Teo

La Voz

TEO

SANDRA ALONSO

O BNG compostelán e o Concello teense lembraron a súa figura coincidindo co 81 aniversario do seu asasinato

20 ago 2017 . Actualizado a las 17:05 h.

«Foi un home comprometido na cultura e na política daquela época. Hai moi poucos coma el». Deste xeito definiu a Ánxel Casal onte o profesor de Historia Contemporánea da USC Emilio Grandío ao pé do edificio situado na Rúa do Vilar onde tivo os seus talleres a Editorial Nós, fundada polo que foi último alcalde da Segunda República de Santiago. O acto, organizado polo BNG compostelán, non foi o único onte que puxo en valor a figura do histórico galeguista. En Teo, o Concello tamén lembrou a súa figura coincidindo co 81 aniversario do seu asasinato.

Durante a homenaxe organizada polo Bloque de Santiago, o seu portavoz municipal, Rubén Cela, destacou que con ese acto lembran «a Compostela mártir», non só aqueles que foron asasinados, senón tamén a aqueles que sufriron «a violencia menos visible». Asegurou que a Ánxel Casal «matárono por defender as súas conviccións, por ser nacionalista e por non renunciar á construción dunha Galicia libre e xusta».

O voceiro do Bloque afirmou que se Casal vivise podería comprobar como os seus «asasinos e descendentes» desfrutan do Pazo de Meirás e fan «apoloxía do terrorismo» sen que Xunta nin Goberno Central actúen. Tamén se referiu ao proceso soberanista catalán. O acto completouse coa actuación de Alba María, acompañada a guitarra de Queco Díaz, e do grupo Faíscas da Pontagra.

En Cacheiras, o acto de lembranza a Casal e as persoas represaliadas, principiou cun minuto de silencio polas vítimas dos atentados en Cataluña, seguido dunha ofrenda floral diante do monolito de Ánxel Casal. «O odio que alimenta o atentado de Barcelona é o mesmo que acabou coa vida de Ánxel Casal», recollía o manifesto que leron o edil da Coruña, Alberto Lema; a concelleira de Arzúa, Pilar Castro; o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; e o rexedor de Teo, Rafael Sisto, durante a homenaxe. Nel engadíase que «un estado democrático non pode permitirse a existencia legal de fundacións que glorifican ao ditador».