A Filharmonía ofrecerá un concerto no Auditorio de Galicia
18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.As actividades para festexar o Día das Letras Galegas e homenaxear a Carlos Casares continúan nesta xornada con máis música -onte houbo un vermú no Toural a cargo de Xoán Curiel e Sérgio Tannus-, charlas e roteiros.
Real Filharmonía de Galicia
20.30 horas • Auditorio de Galicia • Gratis • A orquestra, baixo a batuta do director asociado Maximino Zumalave, ofrecerá un concerto acompañada das voces do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe Daniel García Artés. O programa comezará coa popular Alborada e Lonxe da terriña. De seguido, a Filharmonía tocará Suite sobre cantos populares gallegos, para continuar con fragmentos de Cantata das cantigas. O concerto concluirá coa obra Formiga, do compositor lucense Rubén Vizcaíno, escrita sobre un texto do libro A galiña azul, de Carlos Casares, por encargo do Consello da Cultura Galega.
Hàkan Casares
19 horas • Biblioteca Ánxel Casal • O fillo de Carlos Casares, Hàkan Casares Berg, ofrecerá a visión máis familiar do escritor homenaxeado.
Ruta Carlos Casares
19.30 horas • Saída dende a Praza de Mazarelos • Nova ruta guiada pola Compostela ligada ao autor de Ilustrísima.
«Os mortos daquel verán»
20.30 horas • Salón Teatro • 7 euros • Última representación da peza teatral baseada na novela de Carlos Casares do mesmo título.
Charla coloquio
21 horas • Local da Asociación A Mámoa de Luou (Teo) • Charla sobre os prexuízos sobre o galego organizada pola asociación Lúa Chea en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística.
O que vén
Banda Ateneo de Negreira e Escola Ultreia
Domingo 21 • 19 horas • Auditorio de Galicia • A Banda Ateneo de Negreira, dirixida por Raúl Martín Niñerola, ofrece o domingo o seu concerto das Letras Galegas en colaboración coa Escola de Pandeireta e Baile do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia. Con esta mestura pretenden reivindicar a riqueza da música tradicional, así como a continuidade da lírica popular a través dos cantos e cantigas. O repertorio está composto por pezas recollidas por Ultreia nas zonas de Avión, Mangüeiro, Cervantes ou Gargamala entre 1990 e o 2000 e que foron arranxadas para banda por Raúl Martín.