«Poucos hoteis están adaptados para aloxar grupos con discapacidades»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

TEO

Fademga volta a Santiago para cinco días de actividades para once persoas

14 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1995 Fademga Plena Inclusión Galicia, que integra asociacións que apoian a persoas con discapacidade intelectual, iniciou un servizo de respiro familiar na Guarda. Despois centralizou varios anos esta actividade no Monte de Gozo, e desde hai 13 acoden a varias localidades galegas. Do 11 ao 15 de agosto, e despois de catro anos de ausencia, regresan a Compostela: «Estamos un grupo de 11 persoas con discapacidades, que veñen de diversos lugares, e que atendemos 7 monitores», explica a psicóloga Ana Fraga, coordinadora do respiro familiar de Fademga.

-¿Por que 4 anos de ausencia?

-Despois do Monte do Gozo, utilizamos vivendas adaptadas da asociación Aspas, en San Marcos. A normativa para as axudas públicas ao respiro non permite agora usar esas vivendas. E poucos hoteis están adaptados para aloxar grupos con discapacidades, para que se podan desprazar en cadeira de rodas polas dependencias, e responder a outras necesidades; só agora demos con un en Santiago. Este verán tamén tivemos un grupo en Teo.

-¿Por que «respiro familiar»?

-Por ser un programa para o descanso de familias que coidan a diario a persoas con discapacidade intelectual, para que teñan uns días de respiro, coa seguridade de que esas persoas que coidan están ben atendidas. Así aproveitan para unha viaxe ou outras actividades do seu interese, mesmo para previr situacións de crises. Ou só para durmir, que tamén é moi importante.

-¿E que atencións lles prestan ás persoas con discapacidade?

-Hai un grupo amplo de monitores que se responsabilizan de lles ofrecer axuda para actividades de aseo, nas comidas, para ter controlada a medicación, ou outras necesidades, segundo precisen. E sobre todo planificamos actividades para o tempo de ocio.

-¿Que actividades?

-Por exemplo, estes días, como estamos no verán e o tempo axuda, aproveitaremos para ir á praia a Boiro ou a Tapia, ou para unha viaxe en barco, ir ao cinema, saír algunha noite para ir de festa, excursións, visitas a exposicións e a iniciativas culturais, e outras moi diversas. Non hai unha programación previa ríxida, preguntamos o que lles interesa e decidimos segundo respondan.

-¿Hai moita oferta de respiro?

-Neste verán temos oito períodos de respiro, en xullo e agosto, e atendemos unhas 86 solicitudes de familias. Algunhas máis están en espera.

-¿E o resto do ano?

-Organizamos actividades en Carnaval, Pascua e Primeiro de Maio. Tamén as temos previstas polo 12 de outubro ou polo día de Todos os Santos.

-¿Que idades teñen as persoas que participan?

-Durante o ano temos desde nenos de 6 anos a maiores de 60. Estes días en Santiago as persoas con discapacidade do grupo teñen entre 15 e 50 anos. Hai de idades moi diversas. O obxectivo é ofrecer o mellor servizo ás familias, para que podan descansar, e cando máis o demandan é en períodos de pontes festivas e de vacacións. Non se ofrece no Nadal, porque é un tempo especialmente familiar.

-¿Usan moito o servizo as familias?

-Cada familia pode usar o servizo 20 días ao ano, ou 60 horas de apoios individuais, excepto cando hai persoas con problemas de conduta, neses casos poden utilizar 30 días anuais. Algunhas familias acoden moitas veces, outras máis ocasionalmente segundo lles interese.

Ana Fraga. Psicóloga, leva 13 anos coordinando o respiro familiar de Fademga, un servizo que facilita o descanso das familias.

Fademga Plena Inclusión Galicia. Integra asociacións de persoas con discapacidade intelectual: en Santiago, Aspas e a ANPA do colexio de educación especial da Barcia.