Volve, cunha xira pola casa, a banda de música de Visantoña

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTISO

NOGUEROL

Actuará, xunto co grupo Fol da Chousa, por todo Santiso

07 jun 2021 . Actualizado a las 23:47 h.

Serxio Núñez é secretario da centenaria banda de música de Visantoña, e tamén director artístico do grupo de gaitas Fol da Chousa, as dúas formacións con raíces nesa parroquia de Santiso que comparten o cartel de «Pasaparroquias», un ciclo de concertos que achegará a música propia aos veciños de todos os recunchos do municipio. A xira, que deu comezo hai unha semana en Visantoña coas actuacións da banda e da agrupación folclórica, terá continuidade ata o 3 de outubro, con dezaseis concertos -dunha, doutra ou de ambas formacións- en Mourazos, no colexio de Arcediago, Barazón, San Román, Novela, Beigondo, Rairiz, Pezobrés, Serantes, Ribadulla, Niñodaguia, Liñares, Belmil, Pezobre, Vimianzo e Santiso.

«É un pequeno cariño a través da música, que dá alegría nun tempo estraño como o que estamos a vivir», afirma o concelleiro de Cultura de Santiso, David Fernández, que recoñece o traballo das asociacións que participan nun proxecto -«sen elas non poderiamos facer nada», di-, integrado na programación estival do Concello «para que os veciños poidan gozar da música ao pé da casa, sen aglomeracións, e fóra das festas patronais; non solo nestas podemos acceder á riqueza cultural que temos en Santiso», explica.

A apertura do ciclo de concertos en Visantoña deixou un bo sabor de boca: «estamos totalmente satisfeitos», afirma Serxio Núñez. Tamén puxo de manifesto que «a cultura é segura; o importante é facer as cousas ben», engade. Dende o Concello de Santiso tomouse nota da asistencia, con identificación, de 57 persoas. E a banda de música de Visantoña, que levaba sen actuar ao vivo dende o verán do 2019, dividiuse en dous grupos. O seu concerto, que supuxo a presentación ante público do novo director, Alejandro Corral, e o que ofreceu de Fol da Chousa cumpriron cos propósitos de «facer visible o potencial cultural da parroquia e do concello, e de que a xente tome contacto coa música en vivo», apunta Serxio Núñez.