Aprender a través de experiencias reais dende a máis tenra infancia

A pandemia converte aos cativos da Casa Niño Axóuxere en heroes


lalín / la voz

Nas Casas Niños, servizos gratuítos de atención á infancia que acubillan a cativiños de entre 3 meses e 3 anos, este non está sendo tampouco un curso normal. A pesar de que o seu funcionamento non mudou, a forma de traballar experimentou un cambio importante; segundo Ana Belén Fernández de Axóuxere. Para a responsable desta Casa Niño de Santiso o curso está sendo máis complicado pero permite amosar a versatilidade dos pequenos «que pronto se familiarizaron coas medidas de precaución e levan as máscaras sen pestanexar, son os nosos pequenos heroes dentro dunha situación complicada».

Se hai algo que caracteriza a Axóuxere dende a súa posta en funcionamento é a participación activa e plena das familias nas actividades da casa. Nesta ocasión os protocolos non permiten acceder a proxenitores e avós máis alá da entrada; «e tivemos que reformular esa implicación familiar na vida cotiá do centro e fixémolo a través das novas tecnoloxías», explica esta profesora natural do municipio dezao de Dozón.

Atrás tiveron que quedar os contos que os pais e avós adoitaban contarlles aos nenos pola pandemia, pero Ana non escatimou tempo nin esforzo en facer máis doada a chegada á Casa Niño dos pequerrechos «e no período de adaptación, en que normalmente os pais están co neno na aula, fixemos sesións individualizadas con cada pai que estivo co rapaz unha horiña, despois desinfectar todo e outra hora con outro... Houbo que traballar o día enteiro pero valeu a pena», comenta orgullosa Ana. Empatía con proxenitores e cos pequenos alumnos que se reflicten en centos de fotografías, coma as da visita da galiña de Piedade; a veciña que xunto ao seu home viven ao carón da Casa Niño, e que marabillou aos rapaces. «Creo que os nenos teñen que aprender a través de experiencias, que aprendan e coñezan o seu entorno que é o mundo no que viven. Están na idade de experimentar e de descubrir», resalta.

Experimentos con caracois

Experimentos coas espigas de millo, cos caracois que se agochan entre as pedras do valo, co chocolate para remarcar que non só é doce e saboroso senón tamén de cor marrón, algo que non esquecerán despois de bañarse nel... Aprender experimentando fai que Axóuxere teña lista de agarda. «Temos cinco nenos neste curso, que é o máximo permitido, pero temos oito agora mesmo na listaxe de espera», comenta.

Por outra banda Ana Belén Fernández presentoulle ao Concello de Santiso un novo proxecto, pendente de desenvolverse pola pandemia, que baixo o nome de Aloumiña se asenta en tres modalidades: familias e nenos, cativos e profesionais de educación. Un proxecto centrado na posta en marcha de diferentes talleres de formación e charlas accesibles para familias e profesionais.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Aprender a través de experiencias reais dende a máis tenra infancia