«A atención individualizada e a liberdade horaria é moi valorada»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SANTISO

cedida

A súa vocación de ensinar e aprender dos pequenos levouna a abrir esta instalación

13 jun 2020 . Actualizado a las 11:17 h.

Mentres algúns rematan o bacharelato sen unha idea clara de aposta profesional de futuro a Ana Belén Fernández Fernández (Dozón) non lle pasou iso. Dende ben cativa as súas ideas eran moi claras nese senso.

-A miña vocación pasaba por ensinar e aprender dos máis pequenos. Era algo que tiña claro e non dubidaba en que o meu futuro profesional iría por esa senda.

-Como xurde a posta en marcha da Casa Niño Axóuxere?

-Pois unha vez rematei os estudos de Educación Infantil atopeime cun futuro bastante incerto e parecía claro que o seguinte paso debería ser opositar, pero emerxía en min a gana de comezar a sentirme realizada e exercer co que sempre soñara, de aí que tomara a decisión de presentar o proxecto para a casa niño. Despois de moito traballo e co apoio da miña familia, a miña parella e os meus amigos chegamos ata o día de hoxe, no que podo dicir que estou encantada e moi agradecida ás familias por ter confiado en min para coidar e acompañar na aprendizaxe ás súas fillas e aos seus fillos.

-Ubícase en Santiso, por algún motivo en particular?

-Escollín Santiso por ser o concello máis preto da miña casa que cumpría con todas as condicións establecidas pola Xunta de Galicia. E que sorte tiven! Xa me sinto coma unha veciña máis. Non me puideron acoller mellor.

-Como funciona a casa niño?

-Está aberta de 8 da mañán ata as tres da tarde. As familias deciden o horario no que os pequenos acoden e, dependendo dese horario, ambas as partes decidimos como se desenvolverán as xornadas. En todo momento temos en conta as necesidades dos máis pequenos, polo que, a pesar de termos rutinas marcadas, xa que isto é fundamental nestas idades tan temperás, as pautas póñenas eles. Así respectando sempre os tempos de descanso, comida e hixiene, tamén organizamos as actividades que se levarán a cabo ao longo do día.

-Que tipo de actividades son as escollidas para levar a cabo cos cativos?

-As actividades que realizamos na casa niño son moi variadas.Tan ben podemos estar coidando os poliños que naceron na propia casa niño, como facendo pequenas obras de arte ou gozando da natureza, viaxando a través dos contos... O fundamental é que sempre temos en conta os gustos e as necesidades dos nenos e buscamos unha aprendizaxe activa e por descubrimento sendo os rapaces os verdadeiros protagonistas do proceso de ensinanza-aprendizaxe.

-Cal é a diferenza entre casa niño e gardería?

-Son moitos os argumentos que diferencian unha casa niño dunha escola infantil polo que mencionarei só aqueles que, ao meu parecer, son máis significativos. Unha das grandes diferenzas é a ratio. Paréceme incrible a labor que os mestres levan a cabo nas escolas infantís, pois considero moi difícil prestar unha atención óptima a tantos rapaces a un mesmo tempo. Na casa niño é todo o contrario: somos moi pouquiños, polo que é perfectamente viable levar a cabo una atención individualizada que xunto coa liberdade horaria de escolla é moi valorada. Nas escolas infantís os máis pequenos teñen uns horarios marcados para acudir; na casa niño non pasa iso, as familias deciden libremente o seu horario en función das súas necesidades o que facilita a conciliación. Tamén me gustaría destacar a relación coas familias. Volvendo ao mesmo, debido á elevada ratio das escolas infantís, vexo imposible a existencia dunha relación estreita coas familias que son parte fundamental do noso día a día.

Currículo. Ten o grao en mestra de Educación Infantil pola Universidade de Santiago. É monitora de tempo libre e con cursos específicos destinados ao traballo con nenos con necesidades especiais.

Axóuxere. A casa niño comezou a súa andaina o

8 de abril de 2019.

«Se se quere reverter o despoboamento rural hai que apostar con máis énfase por servizos coma este»

A casa niño pode acoller ata un máximo de cinco nenos, pero se algún acode nun horario reducido mesmo pode entrar outro no tempo restante.

-Entendo que a relación cativo-profe-familia é moi directa.

-Éo. En Axóuxere somos unha gran familia. Os máis pequenos venme como a súa profe, pero tamén como unha compañeira máis que os acompaña ao longo do día. O cariño, a seguridade e a confianza son a base da nosa relación.

-A pandemia cebouse con todos os sectores, como o fixo aí?

-Obrigounos a interromper totalmente a actividade da casa niño. Dende o 16 de marzo a casa niño permanece pechada á espera de que os pequenos poidan volver á mesma en setembro, co comezo do novo curso escolar. Aínda así a nosa pequena familia seguiu traballando arreo nas súas casas levando a cabo iniciativas fermosas e enriquecedoras.

-Ollando o próximo setembro con incerteza?

-Movémonos nun futuro moi incerto. Política Social foi informando das novidades que ían saíndo á luz, pero até o momento non temos claro como será a volta. Farémolo primando a seguridade dos nenos e dos adultos que os rodeamos, pero aínda non temos un protocolo a seguir.

-Cada concello debería ter unha infraestructura coma esta?

-Unha casa niño coma unha casa do maior deberían ser elementos esenciais nos concellos rurais. Se se quere reverter o despoboamento no rural é preciso apostar con máis énfase por servizos coma estes para non ter que desprazarse a vilas grandes e poder conciliar.

-O futuro?

-Seguir coa casa niño e opositar. Estou vivindo experiencias que me fan medrar, pero chegado o momento gustaríame algo máis de estabilidade.