O escritor de Visantoña descansa xa na terra á que sempre regresaba

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTISO

NOGUEROL

A parroquia de Santiso despedíu a Xosé Núñez López, paisano de pro, apegado ás súas orixes e orgulloso da súa xente

25 feb 2020 . Actualizado a las 22:54 h.

A terra daralle acubillo a Xosé Núñez López no lugar do que só o frío do inverno era quen de botalo cara a calor do seu fogar familiar en Vigo. A parroquia de Visantoña, no concello de Santiso, acolleu este domingo con fondo pesar o último adeus a este paisano de pro, apegado ás súas orixes, e orgulloso da súa xente. Subtenente retirado da Garda Civil, Xosé Núñez era escritor de vocación, faceta que comezou a cultivar como activo asinante de cartas ao director. Preto dun millar tiña dirixido a diferentes xornais -entre eles, La Voz de Galicia- cando co cambio de milenio veu a luz o primeiro dos dezaoito libros que deixou de herdanza literaria.

«Tiña unha inquietude intelectual enorme, e unha extraordinaria facilidade para a escrita, e escribía como falaba, amosando, polo tanto, un gran sentimento por Visantoña. Un dos homes que fan país», lembra Xosé Manuel Broz, director do museo etnográfico Terra de Melide, dende o que expresaron as súas condolencias polo pasamento, aos 97 anos, dun solícito colaborador do museo comarcal. «Foi -remacha- o escritor de Visantoña, e o máis prolífico autor da Terra de Melide». A historia en galego da centenaria banda de música de Visantoña, da que chegaron a distinguilo como presidente de honra, inspirou o primeiro libro de quen foi neto do fundador desa senlleira formación, unha das máis antigas de Galicia.