«Vai para 14 anos que teño novo ril e quero facer festa en Silán»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

SANTISO

PEPA LOSADA

Nesa parroquia, entre Muras e Ourol, este viveirense recupera unha cita que leva 56 anos sen celebrarse alí

09 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais deste mes, o vindeiro día 25, sábado, a parroquia de Silán no Concello de Muras revivirá dalgunha maneira a festa e romaría de Santiso que moitos dos que naceron alí lembran hoxe como un dos capítulos da súa infancia e adolescencia. Algúns cambiaron aquel mundo rural por un máis urbano ao longo da vida, como é o caso de Dionisio Pernas Romero, pero conservaron a nostalxia festiva por dentro. Entre que súa nai, xa falecida, desexaba recuperar a festa local na honra de Santiso e el recibiu un ril hai máis dunha década, tamén a modo de ofrecemento ao santo decidiu organizar a cita nun lugar onde non se celebraba dende hai 56 anos, sinala o actualmente veciño de Cantarrana, en Viveiro.

-Silán está preto de Ourol.

-Nunha finca que foi da familia unha esquina pertencía ao concello de Ourol e outra ao de Muras. Estamos case pegados a Ourol, si. Eu vivo dende hai máis de corenta anos en Cantarrana, en Viveiro. Marchei de Silán hai 47 anos, que se farán o mes que vén.

-E agora animouse a recuperar alí a festa de Santiso, non?

-Hai xa moitos anos que a quería facer. Levo xa 29 anos xubilado por enfermidade. Tamén estou liado na festa do Naseiro. A de Silán era unha romaría que dicían que era «da reuma». Cando eu era novo lembro que viña xente e andaba arredor da capilla descalza pero eu non sabía o que era. A festa festa é o 28 de xaneiro, o día propio, de Santiso. Viñan moitos romeiros daquela. Eu tiña 17 anos cando marchei de Silán e daquela xa non a había.

-Por que se deixou de facer?

-Porque daquela facíana os veciños cando cadraba o 28 de xaneiro, como se fora luns, martes ou venres, e sempre se tocaba o acordeón (o último que foi tocar fora Gaspar das Negradas, recórdoo ben). Como a veces cadraba polo medio da semana, os veciños foron a menos e outras non se organizaba pola morte de algún familiar nalgunha casa... pouco a pouco foise deixando de facer. Ou ao mellor se xuntaban dous ou tres novos e pedían para a festa, pero foron indo a menos.

-Que o anima a recuperala?

-Na casa de meus pais, coa que quedou a irmá máis nova, dixen un día de facer a festa, hai catro ou cinco anos. No ano que terminou, nunha comida familiar dixen: ‘Vou facer a festa’. Miñas irmás e meu primo pensaron que non, como xa estaba metido na de Naseiro.... Ademais, miña nai, que morreu hai dez anos, quixo durante moitos anos facela, tiña ganas, pero non chegou a facela. Meu irmán naceu xusto un 29 de xaneiro; estaba acabando a festa e miña nai, como quen di, parindo.

-Contáronme que vostede foi trasplantado do ril e que tamén fai a festa como un ofrecemento ao santo. Pode ser verdade?

-Si, algo diso hai. Vai para 14 anos que teño o novo ril. Ofrecinme a facer unha misa e unha festa, pero ía ser moito menos que o que organizo agora. Os de Covas animáronme a facer tamén unha comida a mediodía, con cocido (ticket: 20 euros).

-Que vai haber logo o día 25 alí no barrio de Santiso en Silán?

-Coma en todas as festas haberá misa (13.00). De música, o dúo Epo-K e Tania y su Acordeón, e Os do 21 con cantos de taberna.

-Veciños e oriundos de Silán estarán emocionados coa cita!

-Si. Moitos viven por Viveiro. Os de Silán tamén están contentos porque a xente máis nova non se lembraba desa festa. Antigamente chegou a cambiarse para o terceiro domingo de maio e acabou deixándose algo de lado.

-Canta xente queda en Silán?

-Onde imos facer a festa, no barrio de Santiso, ao lado da capela que é do 1795, hai dous veciños vivindo, fixos. Serán 12 ou 14 veciños en toda a parroquia de Silán.