Unha placa na fosa común de Abres en memoria dos represaliados nas terras do Eo

La Voz RIBADEO / LA VOZ

SANTISO

PEPA LOSADA

Só se coñece a identidade dunha das seis persoas soterradas, Pablo Martínez-Crespo

06 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe, domingo 6 de outubro, a localidade de San Tirso de Abres descubrirá unha placa  en lembranza dos veciños dos concellos da conca do Eo asasinados polo franquismo e que permanecen enterrados nas diferentes fosas comúns existentes no concello. A placa será colocada a carón dunha das fosas existentes no cemiterio da localidade, onde están enterrados seis veciños do Occidente asturiano, recollendo na mesma o texto seguinte: «Na honra do mestre de Pablo Martínez-Crespo Mazo, e doutros cinco asesinados, enterrados nesta fosa común desde o 15 de septiembre de 1936. Santiso d´Abres, Octubre de 2019».

A partir das 17.00 horas 

Os actos darán comezo ás 17.00 horas no auditorio da localidade; falará Ramón García Piñeiro, profesor no IES de Tapia e un dos máximos especialistas no estudo da represión e da resistencia ao franquismo na conca do Eo. A xornada continuará ás 18.15 co descubrimento dunha placa no cemiterio parroquial onde tomarán a palabra Francisco Martínez Quico, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas vivos, Fernanda Cedrón, neta do mítico guerrilleiro Luís Trigo e Manuel Amago, familiar  do último alcalde republicano da localidade asasinado en 1936. O feche poñerao o musico da Veiga Abel Pérez.

A día de hoxe só se coñece a identidade dunha das seis persoas soterradas na fosa común de Santiso o 15 de setembro de 1936, a de Pablo Martínez-Crespo, mestre en San Martiño de Abres, no concello de Trabada.

Memoria da Mariña, entidade promotora do acto, anima a todos os veciños e veciñas da conca do Eo a sumarse a este acto de homenaxe.