«Queremos pisiños, bos e baratiños»

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

SANTIAGO CIUDAD

MABEL R. G.

Foi o lema das mobilizacións que recibiron a nosa promoción universitaria en 1979, en Santiago de Compostela. En outubro houbo unha manifestación e nun mes aquilo era unha cidade de estudantes mobilizada en todas as aulas de todas as facultades, en todas as prazas da cidade e, pola noite, en todos os edificios das rúas do Ensanche. Lembrarano moitos. Sen ir máis lonxe, Alberto Núñez Feijoo, que aquel ano comezou Dereito, partillando aloxamento con algún compañeiro meu. Un clásico, as vidas cruzadas do estudantado compostelán. Foi un conflito polo prezo dos pisos e pola salubridade. Para lograr que os libros e os taboleiros de estudar non cambaran coa humidade nas casas da rúa do Home Santo; para non ter que saír por unha fiestra para entrar no cuarto na rúa das Hortas.

Un compañeiro da facultade, despois brillante investigador da emigración galega, perdeu o bazo a resultas dunha contundente actuación policial na Quintana, recibida ao berrode : «De gris ou de marrón...». A doutrina interclasista de ERGA, que defendía os donos dos pisos por seren emigrantes retornados e alcumaba as mobilizacións de algaradas anarquizantes da esquerda española, custoulle a desaparición. A resultas de tres meses de folga, as autoridades reaccionaron: reabriuse o Burgo das Nacións e converteuse en residencia universitaria pública un hospital materno-infantil construído, pero sen habilitar, renomeado Monte da Condesa. Hoxe, o novo Burgo é a maior residencia universitaria pública do Estado e a forza dalgúns deixar a conta para o reitor nos restaurantes, ampliáronse comedores universitarios e abríronse outros novos. Pasado.

Presente. Maricarmen Abascal aceptou ser símbolo da inxustiza que afecta a moitas e converterse na espoleta dunha mobilización mediaticamente estendida. A reacción gobernamental, que levou dous decretos ao Parlamento, foi considerada insuficiente polas voceiras da mobilización, pero a súa non aprobación xerou unha frustración que anda á procura de responsables. En seis días pasouse de Ceuta á vivenda, en dous, de «o Goberno non fixo nada en oito anos» a «pode haber eleccións» centradas nun problema social e económico estrutural.

Os partidos comezan a facer contas para saber se vai pesar máis o voto e a opinión dos propietarios que alugan pisos ou o dos que pagan alugueiro ou os comprenden.

O problema da vivenda pasou das vidas de moitas familias e das prospeccións demoscópicas ao primeiro plano da política, entendida como disputa, diálogo e resposta a problemas da sociedade organizada nas súas reclamacións. Pasou co voto feminino, pasou coa xornada laboral, cos salarios, coa reclamación de democracia, pasou cos aloxamentos do estudantado compostelán.

De súpeto, unha votación parlamentaria puxo de manifesto que non era o aborto nin o matrimonio homosexual o que diferenciaba a esquerda e a dereita. Cousa ben sabida pola forza dos feitos, pese ao chusco intento dun presidente da Conferencia Episcopal tan destemido como para saírlle ao quite ao papa. É a institución da propiedade privada e os seus límites en relación co mercado onde se establece a liña divisoria. A economía, ao cabo, e con ela a sociedade e as diferentes posicións respecto da riqueza e a acumulación. A vida, como vivimos, como nos gustaría vivir.