A noite do Apóstolo quere Obradoiro, para goce dos espectadores e para o lucimento dunha festa na que a praza monumental é un escenario único no mundo. Demostrouse no último recibimento ao Día de Santiago e de Galicia. Diante das cámaras, a mellor estampa do espectáculo pirotécnico dos Fogos é a do estalido das cargas de luz e cor —brillante sobrecarga nesta ocasión, na liña da vivida o pasado ano, obra da mesma empresa levantina— coa imaxe da Catedral como pano de fondo. Nunca máis poderá ser, en boa lóxica, a queima da pólvora nas cubertas da basílica, como se facía no pasado. Nin poderá ser o lanzamento dende as cubertas renovadas do pazo de Raxoi. Sen embargo, a praza do Obradoiro debe seguir sendo parte central do espectáculo. A recuperación do videomapping debuxando fantasías no lenzo da fachada de Raxoi despois de sete Apóstolos de ausencia era unha necesidade agradecida por multitude de persoas que puideron velo pola televisión ou in situ na praza —aínda poden esta noite, de 23.00 a 01.00 horas—. Que non falte no futuro.