Rosalía de Castro rexorde na voz do trobador que a fixo canción hai medio século
SANTIAGO CIUDAD
Amancio Prada trunfa nun concerto apoteósico na igrexa de San Domingos de Bonaval, ao carón da tumba da poeta galega
14 jul 2026 . Actualizado a las 12:16 h.«Máis de 50 anos cantando a Rosalía, sentíndoa cerca de min e nunca cantei tan cerca dela». Eran as primeiras palabras de Amancio Prada ao rematar a interpretación de Como chove miudiño, o primeiro dos seus poemas que musicou, e co que comezou o histórico concerto en San Domingos de Bonaval preto da tumba da escritora, na que depositou un ramo de rosas brancas ao final dunha actuación memorable. O trobador bercián, arroupado dende o inicio por un público incondicional, fora debullando na hora e media anterior as cancións que integraron o seu disco Rosalía de Castro, que Galicia acolleu como un tesouro musical imperecedoiro xa na súa publicación en 1975. En paralelo narrou a súa traxectoria vital, estreitamente vencellada á escritora de Padrón dende que aos 17 anos, mentres estudaba Dirección de Empresas Agrarias no Valladolid de finais dos 60, «Rosalía poñía verbas aos meus sentimentos, eu poñíalles voz e as cancións brotaban de min».
Ata que aquel rapaz labrego, con terra nos zapatos, ao xestionar a matrícula na Sorbona para estudar Socioloxía, mudou a volta no tren de Valladolid a Ponferrada para participar no festival de Alar del Rey (Palencia) e gañar con Prá Habana: a Rosalía débelle a súa primeira guitarra, contou, que mercou coas 10.000 pesetas de premio... e tamén a que lle regalou Joan Báez no seu concerto de despedida no Teatro Real de Madrid no 2019, tras interpretar con ela Adiós ríos, adiós fontes, que a cantante folkie tiña no seu repertorio.
Foi a guitarra que acompañou este luns en Compostela a súa voz, que mantén aos 77 anos todos os matices e a perfecta afinación de sempre. Unha perfección vocal que se xunta co seu sentimento na interpretación, xogando coa intensidade da voz, coa énfase nos fraseos que o requiren e con notas apenas susurradas, e que deixa nun inxusto segundo plano a mestría que Prada amosa tamén como instrumentista. Así foron soando Un repoludo gaiteiro, a salutación elexíaca de Lorca á autora de Follas Novas, Maio longo, A xusticia pola man, Mais o que ben quixo un día, ata chegar a Campanas de Bastavales, na que se despregaron algúns móbiles para gravar. Porque as 400 persoas que enchían Bonaval en respectuoso silencio non eran das xeracións que gravan nun teléfono, senón das que levan gravados os sentimentos na memoria, como a bo seguro moitos lembraban, mentres Amancio cantaba, a agulla percorrendo os sucos do LP de centro verde de Movieplay. Engarzou con Paseniño, paseniño e Que pasa ao redor de min?, para seguir con Tres pitas brancas e A canzón de cuna para Rosalía de Castro, morta, de Lorca, cos espectadores de coro.
O final chegou cun Adiós ríos, adiós fontes aplaudido xa nas primeiras estrofas e co público posto en pé nun aplauso interminable no remate, con Amancio Prada cos brazos estendidos e mirada de agradecemento ao ceo. Aínda habería tempo para Libre te quiero, o poema de Agustín García Calvo que musicou, co público rodeando entre aplausos ao trobador, que repartiu apertas no final dun concerto apoteósico.