Depredador

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

SANTIAGO CIUDAD

Turismo en Santiago en una imagen de archivo
Turismo en Santiago en una imagen de archivo PACO RODRÍGUEZ

O turismo que está decorrendo no século XXI actúa como un depredador silencioso, un veleno lento que avanza sobre a vida das comunidades

28 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O turismo que está decorrendo no século XXI actúa como un depredador silencioso, un veleno lento que avanza sobre a vida das comunidades, transformando o que é vivido en produto para consumir. É duro dicilo así de nítido, e seguro que molesta a moitos cuxo sustento depende del, pero non se trata de demonizalo sen máis, senón de comprender o seu efecto real. Cando se fai con conciencia, calma e respecto, pode revitalizar aldeas e vilas, xerar riqueza e manter vivas pequenas comunidades. Mais o turismo masivo converte tradicións en escenificacións, historia en escaparate e cultura en mercadoría, rompendo cohesión social e diluíndo a identidade.

Hai localidades saturadas que queren deixar de ser patrimonio da humanidade porque nelas xa non se pode vivir. Combarro, Fisterra ou o centro histórico de Santiago de Compostela son exemplos claros: lugares que antes respiraban vida local transformáronse en parques temáticos, destinados ao goce efémero de visitantes que perciben imaxes e produtos, pero non senten a alma da comunidade.

Os expertos advirten: cando o turismo supera o 10 % do movemento económico dun territorio, aumenta o risco de turistificación e de perda de autenticidade. Espazos emblemáticos convértense en escaparates sen vida, onde os habitantes quedan reducidos a espectadores mentres se venden produtos enlatados da historia. Para preservar memoria, identidade e pertenza, o turismo debe ser unha actividade ética, pensada para a comunidade, que protexa a esencia do lugar e faga que este sexa realmente único, verdadeiro e sostible, non unha ilusión efémera.