Renata Otero, docente e creadora plástica: «Os meus alumnos son mestres, e agradecidos se os escoitas con respecto»

MANOLO FRAGA SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A profesora de secundaria asina unha guía práctica de arteterapia con barro

13 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Loitou contra unha enfermidade autoinmune cando era moza. Os médicos prognosticábanlle unha cadeira de rodas en dez anos. Hoxe, Renata Otero Ramallal, nacida en Barcelona e filla de emigrantes, ten 54 e segue a andar polo seu propio pé. «Logo de chorar toda a noite daquela, decidín combater esta doenza dexenerativa ata darlle a volta. Empezo a facer deporte, adapto a miña alimentación e inicio unha terapia psicolóxica, entre outras cousas. Como parte deste proceso descubrín a arteterapia hai uns anos, que consiste en facer algo creativo e artístico onde o resultado non é o importante, senón a propia fase de creación e a súa observación», segundo explica Otero, artista plástica e profesora no CPI Plurilingüe de Vedra desde este curso, a onde chegou tras máis de vinte anos no IES de Ames.

Ademais das clases, a artista imparte talleres no seu estudio das Casas Novas a grupos heteroxéneos, pero con maioría de mulleres. «A xente sae entusiasmada e con ganas de máis, así que pensei en facer unha guía práctica de arteterapia con barro. Aínda que eu son pintora, o barro é moito máis reutilizable có lenzo; podes facer, desfacer, refacer todas as veces que queiras. O sentido do tacto estimula as emocións e os recordos profundos, mesmo os traumas. Isto non é novo, xa se facía cos soldados con estrés postraumático na Segunda Guerra Mundial», apunta Otero, que esta semana presentará a publicaciónMás barro y menos drama na Facultade de Psicoloxía. Na contracapa do libro, sinálase que esta obra afonda nas raíces milenarias da relación entre a humanidade e o barro para explicar como e por que este material foi utilizado como un «vehículo idóneo» para a sanación, a autoexploración e a manifestación da psique ao longo do tempo.

En relación coas aulas, a veterana docente advirte de que as pantallas e os móbiles están a provocar na mocidade unha menor motricidade fina. «O alumnado quere resultados rápidos, tolera mal o aburrimento e proliferan as faltas de atención; pero isto pasa en todas as asignaturas, non só na de Plástica», tal como indica a profesora Otero, que está «moi contenta» en Vedra, porque no colexio hai moi bo ambiente, está ben organizado e a rapazada ten o «candor» do medio rural, segundo destaca. «Os meus alumnos son mestres para min, seguen ensinándome cousas, como repensar o vínculo e a comunicación que teño con eles. Traballar con adolescentes é un desafío constante. Hai que escoitalos con respecto, algo que agradecen moito», engade esta muller que, logo de aprobar a oposición, pensou en darse un par de anos a ver se lle satisfacía a tarefa escolar. «E aos quince días enamoreime da profesión», subliña con gozo. Renata ten un soño que espera realizar nos vindeiros anos: «Quero facer un plan de convivencia cara a unha vellez compartida e creativa. Convivir nun espazo con xente afín, cun ocio parecido; pero cada un na súa casa, a poucos metros os uns dos outros. Cando comento isto, a xente é moi receptiva; cada vez hai máis experiencias deste tipo. Ademais, cómpre compartir servizos e gastos, facendo comunidade. Así que estou na aventura de procurar socios sensibles a esta idea». Outro soño que espera ver realizado é o de ser avoa. «Eu disfrutei moito de ser neta e creo que farei unha boa avoa. É un papel moi doce», afirma esta muller valente.