Preto de 6.000 persoas déronse cita no concerto en Santiago co seu novo disco
29 mar 2026 . Actualizado a las 00:09 h.Os integrantes de The Rapants anunciaron que habería sorpresas desde a apertura de portas no Multiusos do Sar para presentar o seu «Rapants Club». Non enganaron. Xa no vestíbulo do recinto agardaba a música mexicana dos mariachis para ir xerando ambiente entre os primeiros dos preto de 6.000 asistentes que non quixeron perderse a estrea do novo traballo dos muradáns. Un público que xa gardou ringleiras desde antes das sete da tarde e que tamén recibía unha tarxeta de pertenza a este particular club cando ensinaban os seus tiques para acceder ao recinto.
O grupo de Muros anunciaba nas súas redes máis dunha hora antes da apertura de portas que se esgotaran todos os tiques e agradecían a confianza, como di un dos temas do seu novo traballo: «Jrasias por confiar». Só pararon a venda cando quedaban vinte, que deixaron dispoñibles para vender na billeteira. Antes de que eles se subiran ao escenario, foi a banda compostelá Ulex a encargada de poñerlle máis calor aínda ao recinto antes da chegada dos grandes protagonistas da noite. Pasaban uns poucos minutos das nove cando The Rapants saltaban ao escenario para conquistar a un público disposto a pasalo ben. Fixérono entoando «Sen medo a caer. Sen medo a perder. Sen medo a fallar. Sen medo a morrer». Esta canción do novo traballo foi unha declaración de intencións para unha noite na que o grupo estivo arroupado por outros referentes da música galega. Xa nos dous seguintes temas —«Tranquila» e «La noche»— estiveron acompañados por Galician Army. Avanzado o concerto uníuselle 9Louro para interpretar «Meu cariño», e Sara Faro (Fillas de Cassandra) e Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) para «Por que son así». Xa na recta final dun concerto no que os novos temas conviviron cos de anteriores traballos, soou «A vida» con Grande Amore. Toda unha festa da música galega.