Arquitectura do pórtico da Gloria
SANTIAGO CIUDAD
O pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela é unha das obras máis recoñecidas e analizadas do mundo. Admirada pola súa beleza sublime, as árbores da escultura e a policromía non deixan ver o bosque arquitectónico de piares fasciculados, arcos, bóvedas de crucería con nervaduras góticas, pensado e construído como un conxunto artístico, simbólico e espiritual. Para a nosa percepción e para a propia historia, é unha mímese que parece intemporal, pero non é así: a arquitectura, coa axuda das novas tecnoloxías —nube de puntos, dron, análise de materiais, datacións— pode distinguir as distintas fases, transitar entre os estilos e reproducir imaxes milimetricamente, todo acompasado coa historiografía e a historia da arte.
O pórtico da Gloria é a culminación dunha catedral ideada, tanto en planta coma en altura, polos mestres Bernardo o Vello e Roberto por mandato do bispo Diego Peláez, e logo magnificada por Diego Xelmírez e o mestre Esteban. O sol do poñente penetra ata a capela maior, iluminando a efixie sedente do Apóstolo no seu camarín. Para entender a arquitectura e a construción da obra mestra de Mateo propoñemos un itinerario que parte do acceso á cripta desde a praza do Obradoiro, case oito metros por baixo do propio pórtico! Atravesamos primeiro a antecámara renacentista baixo a monumental escalinata do bispo Maximiliano de Austria e entramos na antecripta construída polos epígonos do mestre Mateo, como ampliación do espazo cultual e a modo de contrarresto fermosamente decorado dos movementos da fábrica catedralicia na súa parte occidental. Ao fondo, a cripta mateana, que na súa aparente humildade serviu como contención dun recheo de terra e restos de construción. A retirada nas escavacións de Pons Sorolla e Chamoso Lamas na década de 1940 deixou á vista o baseamento do recio torreón de Cresconio II, inserto nos restos da muralla de Sisnando II. Pero cómpre deixar para outro día a visita ao nivel arqueolóxico.
Á man esquerda da cripta arranca unha estreita escaleira que dá acceso ás naves. Esa escaleira mixtilínea, co primeiro tramo recto e o último curvo, está construída xusto debaixo do muro norte; baixo o muro sur hai outra simétrica, hoxe cegada e tapiada. A súa existencia explica claramente a historia construída deste semisoto. Xa nas naves da catedral, tomemos tempo para admirar a arquitectura do pórtico, transfigurada pola historia sagrada que ocupa os seus arcos, columnas e tímpanos. Ao pé do parteluz, dous monstros abren as súas fauces para ventilar o espazo inferior e evitar que humidade se condense. Sobre a esvelta columna de alabastro adosada ao parteluz, o capitel mostra unha insólita representación da trindade; enriba, o Apóstolo acolle os seus peregrinos e, por fin, a visión alucinante da gloria presidida polo Salvador. Nos arcos da esquerda e a dereita, respectivamente, a representación da vella lei e do xuízo final.
Pero non se trata aquí de facer unha lectura litúrxica e artística do pórtico, accesible a calquera persoa interesada no portal web da catedral. Se miramos cara arriba, descubriremos unha intervención vangardista do taller do mestre Mateo, a experiencia das bóvedas de crucería de grande altura que xa ensaiara a menor escala no nivel inferior, coa plementería revestida aínda cos morteiros primitivos. Cómpre eloxiar a decisión de restaurar escrupulosamente todo este artefacto arquitectónico, que logrou impedir a entrada dos ventos e o azoute das chuvias que durante lustros atentaron contra a súa conservación.
Cara á nave, o pórtico está flanqueado polas dúas torres mateanas, que magnificaron o proxecto inicial patrocinado polo rei Alfonso VI de León e Galicia. Subindo pola torre norte, a da Carraca, chegamos á tribuna para admirar a grandeza da obra de Mateo, que concluirían os seus discípulos e epígonos. Recoñécese aínda na fachada o grande arco do antigo espello ou vidreira románica, que centra o imafronte barroco de Casas Novoa. Pero esa é outra historia, que debe quedar tamén para outra ocasión. Se alcanzamos as cubertas, veremos como emerxen as torres, perfectamente engarzadas cos grandes muros e co propio nártice do pórtico, o que demostra a súa execución simultánea. Logo, o Barroco recreceunas con decorados remates.
Hai cinco anos, un grupo de investigadores —Ricardo Aroca, Adrián Martín, María Xosé Fernández— dedicámonos a refacer en planos ese palimpsesto de pedra que se iniciara en 1168, cando o rei Fernando II concede a un arquitecto mozo chamado Mateo unha pensión vitalicia para que dirixa a conclusión das obras da catedral de Santiago.
O traballo Historia construída de la fachada occidental inclúese no libro titulado La catedral de la arquitectura. Tres anos despois, con motivo doutra investigación e coa incorporación de David Chao, ratificámonos no publicado entón.