O galego: lingua de reis

María López Sández
María López Sández FIRMA INVITADA

SANTIAGO CIUDAD

MABEL R. G.

O discurso da princesa Leonor deste 14 de xullo en Santiago de Compostela deixounos un breve xesto: unhas verbas en galego. A cuestión, como era de esperar, espertou interese e suscitou debate. Non cómpre ser monárquico para desexarmos que, quen aspira a ser, algún día, a xefa do Estado, empregue todas as linguas do territorio que ha de representar (galego, catalán, éuscaro, castelán) do mesmo xeito que non hai que amar o fútbol para entendermos o valor simbólico de que o Celta aposte polo galego: que en Balaídos vinte mil persoas vexan a sinaléptica e escoiten a previa nunha lingua que é o noso meirande sinal de identidade. Tampouco é necesario ser relixioso para saber que outra tería sido a historia do galego se a Igrexa o asumise como lingua propia, como si aconteceu en Euskadi ou Cataluña. En Galicia, agás excepcións coma a do teólogo Torres Queiruga, o papel da Igrexa foi indiscutiblemente castelanizador, reservando o galego para o campo, pero non para o altar.

Valorando o xesto da princesa, cómpre tamén repararmos no contexto: o acto desenvolveuse basicamente en castelán e tamén as intervencións dirixidas a ela. Este fenómeno, coñecido como acomodación ou converxencia lingüística —adaptar a lingua á do interlocutor—, acaba reducindo ao máximo os espazos nos que pode empregarse a lingua propia.

En sociedades globalizadas e multiculturais, o único xeito de preservarmos a diversidade é fomentarmos o uso activo das linguas minorizadas, coa complicidade de quen non é do lugar mais ten unha actitude aberta e vontade de aprender, e botar man da intercomprensión. Unha persoa que chega de fóra con sensibilidade lingüística debería pedir que lle falen na lingua propia do país: é o xeito de aprendela e, neste caso, de respectar a historia e a identidade que representa. Velaí as sesenta persoas chegadas de todo o mundo que deron un paso máis e viñeron a Galicia para aprenderen activamente galego no curso Galego sen fronteiras. Onte, en Compostela, o galego puido escoitarse cunha constelación de acentos.

No acto, Leonor foi agasallada coas obras completas de Rosalía e unha edición do álbum Nós, de Castelao. Unha escolla incuestionable. Permitídeme engadir outras dúas recomendacións: a nosa lírica medieval, profana e sacra, para lembrar que esta foi unha lingua de reis; e unha novela histórica doutro dos nosos grandes, Darío Xohán Cabana, na que pon o foco sobre o rei Don García, o último rei do Reino de Galicia. Porque para coñecermos unha lingua, tamén hai que coñecer o poder simbólico que lle foi negado.