Charo Rúa, Chago Martínez, Aurora de Freira e Suso do Dezaseis, recoñecidos coa Alba de Compostela 2025

Carla Tilve / J. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Os catro galardoados son considerados referentes nos ámbitos da sanidade, dos oficios tradicionais, da transmisión de poesía popular oral e da hostalaría

08 jul 2025 . Actualizado a las 23:11 h.

O Consello Asesor de Condecoracións vén de distinguir con unamidade coa Alba de Compostela 2025 a catro persoas recoñecidas tanto polos seus percorridos profesionais e persoais, como polo seu arraigo social e a súa relevancia nos seus distintos ámbitos.

Trátanse da médica Charo Rúa, do ferreiro Chago Martínez, da cantareira Aurora da Freira e do hostaleiro Suso do Dezaseis. Todos eles están considerados referentes no eido da sanidade, dos oficios tradicionais, da transmisión da poesía popular oral e da hostalaría e gardan unha fonda vinculación con Compostela.

PACO RODRÍGUEZ

Charo Rúa

Rosario García Rúa, coñecida como Charo Rúa, está considerada a médica do helicóptero decana do Estado español. Cunha traxectoria que abrangue catro décadas de actividade no eido da sanidade, traballou 34 anos como médica no helicóptero do 061. Ademais, tamén destacou na docencia e na divulgación especializada dirixida a profesionais do eido sanitario, das forzas de seguridade e de entidades de voluntariado.

Chago Martínez

Santiago Martínez Otero, ‘Chago', é un mestre ferreiro especializado en forxa de construción e na súa restauracion levada a cabo con técnicas tradicionais do oficio hoxe practicamente perdidas. Participou na restauración de edificios emblemáticos de Compostela: na Catedral, no Pazo de Raxoi, no Hostal dos Reis Católicos, nas fontes de Santiago ou na Colexiata do Sar. Tamén participa en diferentes iniciativas docentes e de divulgación sobre o seu sector.

Aurora de Freira

Nacida en Grixoa e veciña de San Xoán, Pilar Aurora Otero Pérez, coñecida como Aurora de Freira, é cantareira, informante e unha das referentes compostelás aínda en activo na transmisión da poesía popular oral. Dela destaca o seu importante papel como informante en compilacións e recollidas de música tradicional.

PACO RODRÍGUEZ

Suso do Dezaseis

O hostaleiro Xesús Manuel Coba Cascallar, coñecido como Suso do Dezaseis, puxo en marcha a Casa de Xantar O'Dezaseis asentada no barrio de San Pedro, que este ano está de trinta aniversario. Co seu establecemento logrou crear unha comunidade ao redor da cociña tradicional e de calidade, así como un lugar de xuntanza social e cultural.