Máis dun milleiro de escolares enchen as rúas de Santiago en defensa da lingua

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Alumnos de dezasete centros educativos de primaria e secundaria da comarca marcharon con cartaces e proclamas coas que animaron aos máis novos a empregar a lingua galega

09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O palco da música da Alameda foi de novo o punto de partida do Correlingua, que no seu 25 aniversario encheu as rúas de Compostela con máis dun milleiro de escolares. Conducida pola actriz Isabel Risco, os participantes, alumnos de dezasete centros educativos de primaria e secundaria da comarca, marcharon polas rúas con cartaces e proclamas coas que animaron aos máis novos a empregar a lingua galega. Ese propósito quedaba ben reflectido no lema desta edición, «Mocidade activa, por unha lingua viva», co que o Correlingua alenta dun xeito festivo a usar o galego, finalidade dunha iniciativa na que está implicada tanto a comunidade educativa como as localidades nas que se celebra, entre elas, a capital.

A rapazada rematou a carreira ao mediodía, coa chegada ao mesmo punto da Alameda do que saira, onde Isabel Risco deu lectura ao manifesto reivindicativo. Tras a intervención de representantes das entidades organizadoras e colaboradoras tivo lugar para alborozo dos escolares a actuación da Mekánika Rolling Band, o grupo gañador do certame Cantalingua 2025.

Outro momento culminante do evento festivo foi a entrega dos premios, na que participaron, entre outros, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro. As distincións ás mellores pancartas e cartaces foron para o IES Arcebispo Xelmírez I, o CEIP Apóstolo Santiago e o IES Xulián Magariños (Negreira). O premio á mellor animación recaeu no IES Maruxa Mallo (Ordes), o CPI Ponte Carreira (Frades) e o CEIP Monte dos Postes. A maiores, recibiu un premio especial pola súa participación activa o CEE da Barcia.

Ademais destes centros educativos que foron galardonados, participaron nesta edición do Correlingua o Compañía de María, o CEIP Pío XII, o CEIP Ramón Cabanillas, o IES Arcebispo Xelmírez II, o CEIP Agro do Muíño, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP López Ferreiro e o IES Rosalía de Castro.

A organización correu a cargo da CIG-Ensino, da Mesa pola Normalización Lingüística e da AS-PG, e contou coa colaboración do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña.