A vivenda en Santiago segue as dúas tendencias xerais que afectan a outras grandes cidades do país: falta de oferta e prezos elevados. Isto fai que dende as inmobiliarias vexamos cada día cousas que ata fai uns anos eran pouco comúns: parellas con dous salarios que teñen dificultades para atopar unha vivenda en aluguer para a súa familia; xente nova que quere mercar o seu primeiro fogar e sofre dificultades para atopar algo acorde ás súas necesidades e que non estea a prezos elevados; persoas soas traballadoras que teñen que compartir ante a imposibilidade de atopar vivendas a prezos axeitados aos seus salarios...
Tendo en conta que Compostela é unha cidade con alta poboación flotante universitaria e cunha alta porcentaxe de traballadores funcionarios, existe unha alta demanda continua de vivenda. A falta de reposición de vivenda nova, provoca que se reduza drasticamente o número de fogares dispoñibles, e temos que: en abril do 2022, a porcentaxe de vivendas en aluguer por debaixo dos 600 euros era do 40%, e a día de hoxe supón apenas o 7%. No caso da venda, fai tres anos existían unhas 1.000 vivendas en Compostela, e en abril do 2025 apenas chegan a 600. As causas máis importantes da falta de vivenda dispoñible son moi diversas: o estoupido da burbulla do 2008 parou drasticamente a construción de novas vivendas; alto número de «vivendas baleiras» en toda Galicia, 506.370 no ano 2002, e en Santiago de Compostela, 6.128 no 2021; falta de incentivos para que os propietarios incorporen vivendas ao aluguer; falta de seguridade xurídica por parte dos propietarios respecto dos inquilinos; proliferación de Vivendas de Uso Turístico (VUT), que provocan a migración ao aluguer tradicional; dende o ano 2022, a invasión de Ucraína provocou unha inflación do 8,4 %, que disparou os custos dos materiais, que non se reduciron aínda que baixase a inflación a niveis en torno ao 3% hoxe en día. Subida dos custos de man de obra pola subida dos salarios e falta de profesionais especializados. Falta de solo para edificar e prezo elevado do chan urbano existente. A desaparición da empresa municipal de vivenda Emuvissa retrasou o desenrolo e mobilización de proxectos municipais de solo.
A promoción pública debería paliar estas situacións de falta de vivenda e elevación de prezos que se está a producir nos últimos anos, pero a construción de vivenda pública en Santiago nos últimos anos é mínima, con apenas 60 unidades para máis de 1.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes a día de hoxe na cidade. Esa escasa construción pública non é suficiente para absorber a alta demanda de vivenda, e así atenuar os prezos de venda e aluguer existentes na actualidade.
Vicente Martínez é exdirectivo de Agalin e experto no mercado inmobiliario de Santiago