Manuel Acuña y Malvar: ascenso na xerarquía eclesiástica e compromiso liberal

Xosé María Fernández Pazos

SANTIAGO CIUDAD

Pazo de La Soledad, situado na Conlleira, onde viviu Acuña e Malvar os últimos anos da súa vida.
Pazo de La Soledad, situado na Conlleira, onde viviu Acuña e Malvar os últimos anos da súa vida. CEDIDAS

En 1837, decidiu retirarse da vida pública e establecerse no pazo de La Soledad

09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1792, Manuel Acuña y Malvar foi nomeado cóengo da catedral de Santiago de Compostela, e en 1793, arcediago do Salnés. O seu ascenso na xerarquía eclesiástica debeuse en parte á influencia da súa familia, especialmente do seu irmán Pedro, quen ocupou importantes cargos gobernamentais durante o reinado de Carlos IV.

A pesar dos seus vínculos co poder, Acuña y Malvar mantivo sempre unha firme defensa das ideas liberais e unha clara oposición ao absolutismo. As súas posturas políticas valéronlle a inimizade de sectores conservadores da Igrexa e do poder político, o que finalmente provocou o seu desterro ao mosteiro de Santa María de Aniago en 1803 (Valladolid).

 Guerra da Independencia

Durante a invasión napoleónica, Acuña y Malvar se sumou ao levantamento de Galicia contra as tropas francesas, participando activamente nas batallas de Ponte Sampaio e na reconquista de Vigo en 1809.

O seu compromiso coa causa liberal tamén se reflectiu na súa participación na redacción da Constitución de Cádiz en 1812, coñecida como La Pepa, que establecía importantes avances democráticos. Acuña y Malvar defendeu con paixón a liberdade de prensa, a igualdade ante a lei e a eliminación de privilexios feudais.

 Procesado e encarcerado

A restauración do absolutismo con Fernando VII en 1814 fixo que Acuña y Malvar fose procesado e encarcerado no convento de Herbón, e os seus bens embargados. Non foi ata o triunfo da revolución de 1820 que recuperou a súa liberdade e puido retomar as súas actividades. A pesar das adversidades, continuou defendendo os seus ideais liberais, publicando diversos folletos e escritos nos que criticaba o absolutismo e avogaba pola liberdade de prensa e a supresión da Inquisición.

En 1837, decidiu retirarse da vida pública e estableceuse no seu pazo de La Soledad, na Conlleira, na parroquia de San Xián de Artes. Alí viviu ata o seu falecemento o 1 de marzo de 1845, aos 87 anos. O seu funeral celebrouse na igrexa parroquial, coa asistencia de 37 sacerdotes, reflectindo a súa importancia como figura relixiosa e social.

Sobre os seus restos, tal como recolle Francisco Javier Crugeiras Sampedro, nos seus traballos sobre a Historia de Carreira estaban soterrados no camposanto da igrexa de San Paio, tal e como el deixou escrito no seu testamento e ultimas vontades. Desgraciadamente tralas obras feitas nos últimos anos, non queda nada dos mesmos, nin sequera unha lauda que lembre a tan insigne figura que tanto defendeu o país e aos veciños de Carreira.

 Legado

O legado de Manuel Acuña y Malvar perdura na historia do país como un defensor das liberdades e os dereitos dos cidadáns. A súa vida estivo marcada polo seu compromiso coa xustiza social, a defensa dos máis desfavorecidos e a súa loita contra o absolutismo. A través dos seus escritos e accións, deixou unha sinal imborrable na historia de Galicia e de España que o Concello de Ribeira debería recuperar para algunha das súas rúas