Roberto Almuíña: «A prioridade é recuperar poboación, falta un plan serio de rehabilitación»

SANTIAGO CIUDAD

«Hai pintadas por todas as partes, falta limpeza; todo está abandonado»
02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Roberto Almuíña preside a Asociación de Veciños da Cidade Histórica Fonseca dende xuño do 2019, ano da súa fundación. A entidade naceu coa intención de ser a voz dos residentes do casco vello de Compostela, que vían medrar os seus problemas sen que dende as administracións puxeran solucións sobre a mesa.
—Cales son os temas fundamentais que están na lista de prioridades dos veciños do casco histórico da cidade?
—O máis importante é a recuperación de poboación local. Isto é imprescindible. Activar a rehabilitación de edificios. Acaban de anunciar a saída a poxa de catro casas, aínda que tres xa non sairán porque a familia presentou proxecto. Aínda así, hai casos moi graves. Ninguén entende que pasa coa casa onde estivo o Fuco Lois, en San Paio. Sei que hai 22 expedientes para entrar no rexistro. Por que só sacaron eses catro? O Consorcio ten que volver a ser o que foi.
—Hai voces que falan de que rehabilitar é caro e non compensa para destinar a vivenda residencial. Que lles di?
—Ten que haber un programa de rehabilitación serio e como deus manda. Teñen que dar facilidades. Hai moitos edificios de catro plantas sen ascensor. Non é unha cuestión só do casco histórico, pero teñen que dar solucións para que as casas teñan os servizos do século XXI. No casco vello de Vigo hai un plan, no que participa o Consorcio e no que a Xunta pon o 90 % e o Concello, o 10 %. En Vigo mercan casas, rehabilitan e póñenas no mercado de aluguer.
—Vanse rehabilitar varias casas en Caramoniña?
—Casetas, non casas. Alí tiña porcos unha veciña de San Pedro. Aquelas eran infravivendas e non están no mellor sitio. Que as rehabilitan, ben, pero hai que mirar cara o casco histórico. A realidade é que en 25 anos o Rexistro de Soares non conseguiu subastar ningunha casa, e poucas se rehabilitaron. Cantas casas ten a igrexa? Fago unha proposta: no edificio do Preguntoiro que fagan unha residencia para maiores.
—Que máis lle preocupa aos veciños do casco vello?
—A falta de limpeza. As pintadas están por todas as partes. O concelleiro di que a xente non é cívica, pero tamén di que todo está marabilloso. Non ven as cousas, e non escoitan á xente. As asociacións de veciños recollemos o que din os veciños, pero logo non escoitan eles. Hai papeis nas fachadas, carteis nas paredes. Ide ver o edificio dos almacéns Olmedo, no Toural; ou as cabichas na praza do Obradoiro por todos os lados. Está todo abandonado. A situación de Correos non pode ser. Teñen maletas, cadeiras, mantas, roupa... ata unha fregona. Mexan na rúa, son enfermos, teñen adicións, e necesitan axuda, pero a UMAD está desmantelada. Onde está o albergue municipal?
—Como son as relacións co Concello? Ten a sensación de que se escoitan as propostas?
—Non. Esta semana tivemos unha reunión de asociacións de veciños motivada por iso. Non se escoita ás asociacións. O concelleiro dinos que non se poden falar as obras cos veciños, porque non se podería facer ningunha. Atopo moitas asociacións que teñen pedidas reunións e non se concretan. Eu aproveito cando teñen actos ou cando os vexo [aos concelleiros] pola rúa.
—Que me di da iluminación?
—Á xente preocúpalle pola sensación de inseguridade, e houbo problemas reais de seguridade. Na Rúa do Vilar está mellor polas luces dos soportais, pero en xeral é deficiente.
—Deron solucións para o acceso de residentes ao casco?
—Claro que non. O sistema é ilóxico. Na zona da Rúa do Vilar, Rúa Nova, Toural..., o que é a zona de baixas emisións, temos que entrar e saír pola praza de Abastos. Multiplicas por 2,5 o percorrido cando sería moito menos tramo entrar e saír por Correos ou por Porta Faxeira.
—O problema é a concentración de xente?
—Non ten sentido a mesma norma para todo o ano. Hai horas no día nas que tampouco habería problema. No verán pode ser, pero en xaneiro e febreiro non é lóxico. Non hai ningún tipo de diálogo. Os residentes non estamos todo o día entrando e saíndo co coche. Sabemos cando é mellor e peor. Insisto, hai meses no ano cunha baixa afluencia de visitantes, que non pasaría absolutamente nada se autorizan as entradas e saídas por Correos. Non molestas a ninguén. Pero non queren entendelo. Non hai diálogo.
«Non me molestan os turistas, pero os peregrinos que entran berrando, loxicamente, si»
—As queixas que suscita o turismo en San Pedro teñen presenza no casco histórico?
—Penso que é un problema do percorrido do Camiño Francés. Vin vídeos de grupos de peregrinos que entran cun gaiteiro como o frautista de Hamelín, todos cantando e berrando, que loxicamente a quen está na súa casa lle molestan. Tamén é inconcibible que ninguén asuma a xestión das colas da Catedral. Penso que hai deixadez no manexo dos fluxos de visitantes. Hai que diferenciar. Unha cousa son os peregrinos que entran berrando; outra os visitantes que chegan, miran e marchan; e outra os turistas. Os turistas non me molestan. Agora hai turismo e non hai queixas. Moléstanme os ciclistas que entran polo Franco facendo unha carreira.
—É unha cuestión de normas básicas de convivencia?
—Se un peregrino pode pasar en bicicleta, un veciño tamén. O problema é que a xente sae dos portais e hai riscos. Poden facer un circuíto diferente para os ciclistas peregrinos. E os visitantes. Lin un informe no que propón quitar a dársena de Xoán XXIII e que os autobuses de visitantes paren na intermodal. Así soben camiñando e ven a cidade.
—Non falamos dos ruídos nocturnos. Está mellor este tema?
—Hai ruídos nocturnos. Segue habendo veciños que marchan do casco histórico. O ocio nocturno é unha actividade molesta, e non se poden considerar os locais como establecementos comerciais. Hai menos queixas, porque a xente marchou. O decreto de horarios da Xunta é disparatado, e levamos tempo pedindo que se modifique. Se os restaurantes pechan ás doce da noite, a xente que queira unha copa ten que ir ao pub e poden pechar antes. Os ruídos son polo movemento da xente pola rúa, e o Concello tería que pór as solucións.