Queremos Galego! leva a súa campaña informativa aos mercados da comarca
SANTIAGO CIUDAD

A plataforma estará no Grove, en Cambados, Vilanova, Meis e Meaño
13 feb 2025 . Actualizado a las 17:52 h.A plataforma Queremos Galego! está levando a cabo diferentes actuacións na comarca para invitar á veciñanza a acudir o 23 de febreiro á manifestación que se vai celebrar en Santiago de Compostela a prol do idioma galego.
Logo de repartir propaganda o pasado sábado no mercado de Vilagarcía e colocar carteis en varios lugares da Illa, este venres proseguen co reparto de material, a partir das 11.30 horas no mercado do Grove. O sábado pola mañá tamén visitarán os mercados de Cambados e Vilanova, o Mercadena de Meaño e o Campo da Feira do Mosteiro.
«Este tipo de actividades están permitindo xuntos cos plenarios, xuntanzas e outras actuacións, trasladar á veciñanza a situación real de emerxencia do noso idioma resultante dos diferentes retrocesos legais así coma da desprotección dos nosos dereitos lingüísticos. Veciñanza que nos traslada que non se atopa conforme con dita situación, xa que ama a súa lingua e desexa a súa normalidade», segundo indican desde a plataforma.
Para favorecer o desprazamento das persoas que queiran acudir a Santiago o día 23, dende a plataforma facilitaranse autobuses sempre e cando haxa un mínimo de persoas anotadas. As persoas interesadas poden facer a súa reserva antes do mércores 19 de febreiro no correo: osalnes@queremosgalego.gal.