Os Chicharro, retratistas da transformación de Santiago

SANTIAGO CIUDAD

«Compostela a Lupa» reúne 125 imaxes tomadas entre finais do XIX e principios do XX pola saga de fotógrafos

08 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Un Santiago en transformación. Non só amosando os cambios no Ensanche, senón tamén no propio casco histórico, que non foi alleo ás mudanzas, tal e como se pode comprobar nas fotografías tomadas entre finais do século XIX e principios do XX pola saga iniciada por Manuel Chicharro. Estas instantáneas son as protagonistas da nova exposición na Casa do Cabido organizada polo Consorcio de Santiago en colaboración co Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSCI-Xunta), «Compostela a Lupa. Manuel Chicharro Bisi entre dous aniversarios 1849-1924».

A praza de Praterías coas casas de Espinosa e xa unha vez derrubadas, os primeiros traballos para a Facultade de Medicina, San Francisco sen contar co monumento a Asorey, as árbores na Quintana pero tamén os traballos de pavimentación; o traslado da estatua de Montero Ríos desde o Obradoiro a Mazarelos, o bazar de Villar cos produtos dos escaparates ordenados por temáticas, os primeiros movementos de terra no 1911 para a construción do colexio de xordomudos e cegos —onde hoxe está o edificio da Xunta en San Caetano—, a exposición de 1909, a estación de Cornes, as obras do hotel Compostela en torno a 1928 co edificio de Castromil ao fondo..., son só algunhas das 125 fotos que conforman a mostra.

«Os Chicharro non só facían fotografía de retrato, non só facían de vez en cando fotografía monumental para vender aos turistas; esta saga familiar tamén se converteu en testemuña de Santiago. Decatáronse de que había que tomar imaxes da cidade mentres se estaba transformando. Hainas de antes, durante e despois. Polo tanto, as fotos que se poden ver son as primeiras representacións ou as derradeiras dun determinado espazo urbano», afirmou Carlos Castelao, que xunto a Rubén Martínez comisaría esta mostra con motivo dun dobre aniversario, os 175 e 100 anos, respectivamente, do nacemento e falecemento de Manuel Chicharro Bisi, considerado como «o primeiro gran retratista das rúas compostelás, e non só das súas xentes». El editou o primeiro álbum galego de fotografía monumental, «Compostela Monumental, 1884». Os comisarios da mostra inciden en que non se trata só do traballo de Manuel Chicharro, senón tamén da súa familia, coa súa muller Francisca Robelo, así como os seus fillos Consuelo, Elisa, Lola, Manuel, e Luis, este último o continuador da saga.

Placas de vidro

A mostra toma como punto de partida o fondo Chicharro conservado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento —pertencente ao Fondo Histórico do CSIC—. Consta dunhas 1.300 placas de vidro coas instantáneas, das que dixitalizaron en torno a duascentas para a mostra. «Dixitalizar estas placas en alta calidade permitiu o descubrimento de moitos edificios e elementos que xa non están. [...] Estas fotos achegan moita información, moitos datos, polo tanto teñen unha dobre compoñente. Por un lado, a parte artística, pero tamén a de documento histórico», afirmou Rubén Martínez, reivindicando a importancia da protección deste tipo de documentos.

As imaxes da exposición están estruturadas en catro apartados: actos e autoridades —nelas aparecen, entre outros, Asorey, Romero Donallo, os Bencansa, profesores de Universidade...—, Santiago Intra Muros, Santiago Extra Muros e Máis alá de Santiago —figuran espazos de Padrón, Negreira ou Vedra—. «Nelas pódese apreciar a mudanza dos nosos edificios, da nosa cidadanía e das súas costumes», resaltou Carlos Castelao. Para axudar a unha maior comprensión, aparecen ampliados a modo de lupa detalles dalgunhas das fotos, ademais inclúese información que aporta contexto e a súa localización.

A exposición, con acceso de balde, pode visitarse de martes a sábados de 10 a 14 e de 16 a 20 horas e os domingos de 11 a 14 horas.