De Venecia e Nova York a actuar con María Callas: 22 cantantes líricas galegas que conquistaron teatros
SANTIAGO CIUDAD
A mostra de Fonseca recupera a memoria de mulleres que triunfaron coa súa voz en todo o mundo
10 nov 2024 . Actualizado a las 04:55 h.Benita Moreno, Bibiana Pérez, Ofelia Nieto, Ángeles Ottein, María Luisa Nache, Ángeles Gulín, Asunción R. Lantes.... Son solo parte dos 22 nomes de mulleres que forman parte da mostra «Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África». Parte delas son grandes descoñecidas para o gran público pese a que a súa voz deixo pegada por escenarios de todo o mundo. Precisamente, a exposición que pode verse en Fonseca ata o vindeiro sábado 16 recupera a memoria destas mulleres e reivindica o seu importante legado, no que se inclúen actuacións nos máis relevantes escenarios de Europa e América durante os dous séculos pasados. Para iso bota man de diversa documentación —na que destacan datos procedentes da hemeroteca recollendo éxitos—, así como fotografías e tamén gravacións das súas voces realizadas entre 1920 e 1970, que serven de banda sonora durante o percorrido.
Esta mostra que segue unha orde cronolóxica está comisariada polo profesor de Historia da Música da Universidade de Santiago (USC) Javier Garbayo xunto á mestra da Universidade Internacional da Rioxa Marieta Lorenzo Vizcaíno. Está conformada por 18 paneis informativos onde se recollen a traxectoria das 22 protagonistas, ademais de varias vitrinas con documentación e os audios das voces de Mary Isaura, Ofelia Nieto, Ángeles Ottein, Matilde Vázquez, Lola Rodríguez Aragón, María Luisa Nache, Inés Rivadeneira, Josefina Cubeiro e Ángeles Gulín.
O percorrido comeza por Benita Moreno (A Coruña, 1792-Toledo, 1872), que debutou en 1808 na Fenice de Venecia con «La festa della rosa», de Pavesi. Tal foi o éxito obtido que despois iría polos teatros de Padua, Ravena, Milán, París e Burdeos, entre outros. Séguelle Cristina Villó —naceu na Coruña en 1814—. Dela recóllese que foi «a primeira muller pensionada pola raíña María Cristina para estudar música». A súa voz impresionou ao mesmo Donizetti, que a gabou tras acompañala ao piano nunha aria. Foi unha das máis importantes cantantes líricas españolas da primeira metade do século XIX. Tamén se dedicaron ao canto lírico ás súas irmáns Elisa, Carlota e Matilde.
O percorrido continúa profundando na figura de Carolina Casanova de Cepeda (Ferrol, 1847-Madrid, 1910). Foi en 1892, segundo destacan na mostra, a primeira muller en ocupar a praza de canto na Escola Nacional de Música e Declamación de Madrid, algo inusitado xa que nas institucións oficiais o canto adoitaba ser ensinado por homes. Un novelista e crítico parisino destacaba a calidade da súa voz en 1884. Séguenlle Rosario Salgado, nacida en Pontedeume e que chegou a actuar en Milán, e a ferrolá Asunción R. Lantes. A súa voz escoitouse en escenarios como o do teatro La Fenice de Venecia, ademais, nunha actuación a Habana estreou a cantiga galega «Un adiós a Mariquiña», con letra de Curros Enríquez. «No século XIX moitas cantantes foron cara América, onde era moi queridas, porque ademais de cantar ópera e zarzuela, interpretaban cancións galegas», resalta Marieta Lorenzo.
Tamén recoñecemento internacional obtiveron a ourensana Dorinda Rodríguez e Bibiana Pérez, que naceu en Ávila pero casou co tenor malpicán Ignacio Varela. Ambos actuaron en 1894 na coroación de Nicolás II, onde interpretaron «Les Pêcheurs de Perles», de Bizet no Teatro Imperial de San Petersburgo. Ademais, fundou unha prestixiosa academia de canto na Coruña. Este percorrido tamén pon o foco na compostelá Enriqueta Brandón, Honoria Goicoa, María Pardo Trapote e a estradense Mary Isaura, que foi moi coñecida pola súa interpretación en «Doña Francisquita».
Compostelás de corazón
Un papel sobranceiro na mostra téñeno as irmáns Ofelia Nieto e Ángeles Ottein —esta modificou o seu nome a nivel artístico—, que foron as principais sopranos españolas da primeira metade do século XX. «Moitos din que son de Santiago, pero naceron en Algete, aínda que sempre se consideraron galegas», resaltou a co-comisaria da mostra. Nese senso, fai fincapé en que eran fillas de «Nietiño» unha das personaxes de «La Casa de la Troya», que está baseado na persoa real de Nieto.
Este percorrido tamén inclúe á cambadesa Matilde Vázquez —«Miss Teatro 1934»— e a Lola Rodríguez Aragón, que creou a Escola de Canto Superior de Madrid. A coruñesa María Luisa Nache, pese a súa curta traxectoria —deixouno aos 39 anos— acadou un gran éxito. Ela actuou con María Callas na Scala de Milán con Leonard Bernstein, autor de «West side story», como director, ademais de en escenarios de Nova York ou Exipto. Tamén gran proxección acadou Ángeles Gulín, de Ribadavia, que debutou aos 19 anos en Montevideo e a súa voz soou en Milán, París, Londres, Viena..., obtendo numerosos recoñecementos. O percorrido da mostra remata coa lucense Inés Rivadeneira —Premio Nacional de Lírica— e a coruñesa Josefina Cubeiro.
Catálogo e proxección ligada á mostra o día 20
Javier Garballo e Marieta Lorenzo Vizcaíno levan traballando en torno a catro anos para esta mostra, que tivo tamén un ciclo de conferencias en paralelo, ademais dun concerto da Filharmonía. Aínda que a exposición está previsto que peche o día 16, o día 20, en Historia, proxectarase o filme «Doña Francisquita» no que participou Matilde Vázquez.
Marieta Lorenzo explica que entre os plans tamén está facer un catálogo e tamén lles gustaría que vise a luz unha publicación. Ademais, non descartan achegar a mostra a outros lugares.