
Fálase tanto da intelixencia artificial (IA) que xa parece monotema, malleira inaturable. Porén, non se dá falado dela abondo.
Non se salienta a cantidade de enerxías usadas para o desenvolvemento de programas que fagan ás máquinas lóxicas «pensar e sentir» ao xeito das persoas. Son enerxías de dous tipos, a eléctrica, que mantén os superordenadores activos, e a humana, empregada en discorrer os programas e adestrar a intelixencia resultante para que cumpra a súa función.
Froito de teimudo traballo humano é o novo modelo de linguaxe de intelixencia artificial a perfeccionar actualmente polo Citius e o Instituto da Lingua Galega. Logo dunha inxección de datos lingüísticos, que produce mareos polas cantidades, e con axuda do Finisterrae do Cesga (o segundo supercomputador máis potente en España, tras do Mare Nostrum barcelonés), ponse ao dispor de empresas e institucións o «Carballo», abrindo así un mundo de posibilidades no uso da intelixencia artificial que actúa en galego.
Con el o idioma patrimonial de Galicia colócase ao nivel que calquera das linguas de grande base social; e, como non podería ser doutra maneira pois o galego é a matriz da lusofonía, houbo colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Évora para a creación do «Carvalho», primeiro modelo galaico-portugués. Por iso só queda expresar parabéns a ambas institucións académicas.