José Fernández Alborés, presidente da patronal do Tambre: «Xa non entran camións por Costa Vella, falta o orbitaliño e darlle continuidade coa variante de Figueiras»
SANTIAGO CIUDAD
Defende desenvolver novo chan industrial para Santiago en paralelo aos viais de conexión que cre tardarán polo menos catro anos
25 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.José Fernández Alborés (Santiago, 1954) preside a Asociación Área Empresarial do Tambre, nun concello sen parcelas industriais á venda neste momento.
—Vostede ten dito que a ampliación de 400.000 metros cadrados da Sionlla quedará curta.
—Na nosa opinión si, porque temos varias solicitudes de empresas que precisan de 10.000 a 20.000 metros cadrados, e mesmo falou con nós unha que podería solicitar 80.000. De todos os sectores, de siderometalurxia a loxística, e cunha multinacional que quere montar un almacén regulador en Santiago.
—Cara onde pode medrar o chan industrial no futuro?
—Temos varias posibilidades, e témolo falado con Xestur. Poderíase ampliar máis cara A Sionlla; tamén hai unha zona importante de chan antes de Lavacolla; e do Tambre cara Chaián, pegados ao actual polígono, hai máis dun millón de metros cadrados.
—Nótase a apertura do orbital?
—Certo que agosto non é un mes significativo, pero eu non vexo camións entrando por Costa Vella, porque todos escollen o orbital. Non vexo as retencións que había en Costa Vella, por onde seguirá entrando o tráfico lixeiro de Santiago, pero con moita maior fluidez ao non haber camións.
—Que suporá o orbitaliño?
—Sendo medianamente optimista, falamos a 4 ou 5 anos vista. Suporá moita mellor conexión [dende a N-550] e entendo que se desenrolará o SUNP-37 de zona industrial conectado con ese orbitaliño, que debería ter continuidade coa variante de Figueiras e conectar así con ese millón de metros cadrados xunto ao Tambre. Pecharíamos o círculo e non viría todo o tráfico pola vía Edison, cada vez con máis tráfico pesado que ven da Costa da Morte, Santa Comba, Carballo ... Esa pequena variante, sobre 2,5 quilómetros, daría servizo tamén ao novo centro loxístico de Mercasa, xunto a Trameve, que conlevará un moi importante aumento de tráfico pesado. Todo o chan industrial por desenrolar tería saída directa cara Figueiras, ao aeroporto e á autopista. Temos o exemplo da variante de Aradas, que tardamos 20 anos en lograr, e retirou todo o tráfico pesado de Vite e da rotonda de San Caetano.
—O empresariado quéixase da falla de man de obra. Tamén en Santiago?
—Absoluta e completamente. Temos un problema gravísimo en todo o país. É complicadísimo atopar reposición para a xente que se xubila nos oficios.
—Os sectores máis afectados?
—Incide moito na construción. En cinco anos xubilarase moita xente, oficiais que son moi bos traballadores e non hai relevo, pero o mesmo sucede cos condutores de vehículos pesados ou na siderometalurxia.
—Que se pode facer?
—É certo que a FP está mellorando moitísimo, pero cando pedimos bolseiros aos centros están colapsados, hai moita máis demanda que xente que sae formada. E na FP hai moitos oficios, pero non están todos. Eu penso que se debe seguir potenciando esta formación, pero tamén defendo recuperar a figura do aprendiz, cunha axeitada actualización e posta ao día, ben regulamentada e cun control completo de cumprimento de todos os requisitos, cotizando en función do salario. Sería unha vía de que xoves de 16 anos que abandonan os estudos entrasen directamente no mercado laboral, nunha empresa que a medio prazo pode ser o seu futuro laboral. Grandes empresas tiñan escolas de aprendices das que saíron moi bos profesionais que mesmo foron logo altos cargos. Hai que buscar unha solución, ou recurrir como se está facendo a xente doutros países.
«Unha firma de México e tres de Navarra valoran instalarse no biopolo Sionlla»
—Que medidas cómpren para que Santiago gañe peso industrial?
—Que nos impliquemos todos, o mundo empresarial, a clase política (Concello, Xunta, Goberno central). Santiago non ten por que non ter industria, como teñen Vigo e A Coruña, sobre todo trala eclosión de Inditex. O biopolo Sionlla foi unha idea no 2015 para aproveitar aquí o entorno axeitado, a formación e as instalacións axeitadas e o saber facer, sen deixar que se perda e marche fóra do país. Creo que hai aí un campo enorme de crecemento e que vai custar tempo, pero se o mundo empresarial estamos pola labor e a clase política empuxa, ten que triunfar.
—Está custando máis do agardado o despegue do biopolo.
—Nós temos a forza que temos, somos unha asociación de empresarios. Agora as administracións déronse conta de que fai falta axudar máis, e xa nos reunimos con Concello, Igape, Industria, tamén está a USC traballando, e fáltanos o convenio coa Deputación da Coruña, que contamos ter no último trimestre deste ano. Igual que a Deputación apoia a Cidade das TIC, penso que o biopolo é dos proxectos máis interesantes da provincia.
—Na última mesa técnica, falaron de contactos con empresas interesadas en ubicarse. Pode concretar máis?
—Unha empresa farmacéutica mexicana, con instalacións no seu país e en Estados Unidos. Xa visitaron dúas veces o biopolo e subliñan a boa ubicación e o desenrolo acadado, con tres empresas traballando (Zinpro, SunRock e Unirisco). Pero son investimentos fortes nos que leva tempo tomar decisións, porque ademais de no Csieb montarían un laboratorio de fabricación farmacéutica nos terreos reservados ao carón. E tres firmas de Navarra, de biomedicina, que visitaron o biopolo durante os Biodays de Vigo.
—Achégase setembro: será a data para poñer de acordo ás administracións e rematar coa falta de mantemento do parque empresarial da Sionlla?
—Xa falamos neste mes de agosto con responsables de Xestur, de Industria e do Concello de Santiago e ofrecémonos como mediadores para impulsar as negociacións. Conto con que desta vaia, porque todos responderon en positivo. Teremos que estar reunidos todo o tempo que faga falta pero temos que saír cunha solución. Hai que resolver o mantemento de viais, iluminación, pintura. E hai que organizar o polígono: unha empresa que non é de Santiago, nin ten sede no municipio fai da Sionlla o seu almacén loxístico, aparcando alí 10 ou 15 tráilers e outras tantas furgonetas, usando o aparcamento público como un espazo privado.