Caamaño&Ameixeiras: «É como tocar na casa, pero nun sitio emblemático»

MARÍA PATRICIO / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

ANA GARCIA

O dúo musical actuará de novo no Trad Fest, en Santiago, esta vez na praza da Quintana

27 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O dúo musical Caamaño&Ameixeiras volve este domingo 28 ao Compostela Trad Fest, esta vez na praza da Quintana e antes da actuación do grupo escocés referencia na música celta Capercaillie. Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (voz e violín) xa tocaron na edición do festival de hai dous anos en Bonaval e agora farano no escenario grande. «A verdade é que nos emociona moito. É como tocar na casa, pero nun sitio emblemático no que vimos actuar a tanta xente», explican as artistas, que tamén advirten de que haberá algunha sorpresa. A súa emoción conta cun aliciente máis: compartir noite co grupo escocés. Máis que nervios, supón unha alegría para elas.

A actuación será a partir das 21.30 deste domingo, no medio dun verán intenso e de viaxes para Sabela e Antía, que se están «pegando unha boa paliza», tal como din elas, que veñen de actuar no Festival Músicas do Mundo en Sines (Portugal). A xente nova está conectada coa música tradicional, que comeza a ter o seu lugar no mainstream. «Isto benefícianos a todas as que estamos na música, é un momento marabilloso», afirman. E non deixan de relacionar esa corrente co feito de que as Letras Galegas do 2025 se lle dediquen ao cancioneiro popular galego, unha forma de «cumprir a débeda histórica coa nosa tradición e cultura». Respecto de se esta tendencia é puntual ou se vai manter nos anos, ambas coinciden en que «viu para quedar». Así, aluden a unha eliminación de prexuízos e a unha concepción da música folclórica de diversión, agora aceptada pola xuventude.

O dúo, formado no 2018, xira agora co seu segundo traballo discográfico Quitar o aire, que saíu á luz en outubro do ano pasado. Os nove temas que o conforman fan alusión á morte, ao loito, a rituais, a crenzas e a toda unha ritoloxía popular galega que as artistas escoitaron «sempre» na casa. Das súas avoas e tías nace o interese por estas tradicións, que as leva a informarse co antropólogo Rafa Quintía. «El falounos de todo o mundo ritolóxico que hai, que é riquísimo, é un patrimonio inmaterial que temos. Quedamos fascinadas e foi unha fonte de inspiración para todo o disco», di Antía dando conta de como naceron as cancións do seu último traballo: cada unha inspirada nun rito en concreto. As composicións de Caamaño&Ameixeiras levan un gran traballo de investigación detrás, non só antropolóxica, senón que tamén musical. Ambas explican que accederon a cancioneiros e arquivos persoais que a xente lles ofreceu «cunha xenerosidade inmensa».

As historias que coñecen e escoitan relaciónanas coa tradición oral e coa música. Por exemplo, a peza que leva o nome do disco é un ensalmo —rezo co que, precisamente, se quita o aire—. «O tema, aínda que está vinculado coa tradición, é moito máis actual do que pode parecer. É universal e atemporal», di Sabela, que explica que é «un tabú, como pode ser o erotismo, a morte ou a menstruación». A través da publicación do disco coñeceron as vivencias de moita xente en relación á morte e ao loito, xente que sentiu consolo nas súas letras. «Para nós é moi reconfortante saber que a música axuda á xente a estar mellor», din, asegurar que xusto ese era o obxectivo da súa música: ser funcionais igual que os ritos.

Mañá, trece horas de música «tradi» con Capercaillie como fin de festa

O Compostela Trad Fest ofrecerá mañá, en máis de 13 horas, unha mostra moi representativa da música tradicional de Galicia, e tamén haberá presenza de Gran Bretaña (os escoceses Capercaillie e os ingleses Rholben), Francia (os bretóns Le Mange Bal) e Portugal (Luís Peixoto e Crua). E os galegos: Caamaño&Ameixeiras, Cantometrics, Lina e Lola, Os Carecos, Alana, Ariel Ninas, Arrotues e Marcos Teira (Costeira), así como Bailai Malditos cos pasarrúas. Os concertos comezarán ás 12.00 na Igrexa de San Domingos de Bonaval con Marcos Teira, seguirán en dous escenarios do parque de Bonaval e rematarán arredor da unha da madrugada na praza da Quintana con Capercaillie. Tamén haberá feira de artesanía e música no acceso ao parque de Bonaval de 12 a 22 horas. No parque se poderá adquirir comida e bebida. O Compostela Trad Fest, é un festival promovido por La Voz de Galicia e o Concello de Santiago coa colaboración da Xunta e a empresa Espina & Delfín