Santiago apiña os Fogos do Apóstolo cun resultado florido e moi efectista

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Os lanzamentos desde tres puntos estiveron coordinados por GPS

25 jul 2024 . Actualizado a las 16:18 h.

Os Fogos do Apóstolo son, sen dúbida, un dos maiores atractivos das festas de Santiago e supoñen o mellor avance da celebración do Día de Galicia. Por iso, o Concello busca innovar para manter a curiosidade dos milleiros de persoas que agardan o espectáculo pirotécnico en toda a cidade. As proxeccións nas fachadas da catedral ou do pazo de Raxoi quedaron aparcadas polas restricións da pandemia e os riscos que supuñan os lanzamentos pirotécnicos desde o Obradoiro para acompañar a escenografía. A covid aportou a idea de lanzamentos coordinados en cinco puntos da cidade, pero este ano e por seguridade xa quedaron en tres: a Alameda, a Cidade da Cultura e o parque Carlomagno, no barrio das Fontiñas.

Esta nova proposta regalou uns Fogos do Apóstolo máis intensos, xa que nestes tres puntos de lanzamento houbo máis quilos de pirotecnia que anos pasados, mil máis repartidos entre a noite deste 24 de xullo e o do 31, un espectáculo que en Compostela chaman «fogos pequenos», malia que en realidade deberían chamarse «os fogos da casa», porque son os que máis veciñanza da cidade reúnen.

Foron 1.200 quilos en cada punto conseguindo a intensidade prevista pola empresa Pirotecnia Igual, gañadora do concurso público convocado polo Concello. E tendo en conta as opinións que se escoitaron nada máis rematar o espectáculo, achegáronse bastante a este obxectivo.

Como nas campás de fin de ano, houbo un aviso previo de que os Fogos estaban a piques de comezar. E ás 23.30 horas, o ceo compostelán pasou do negro da noite e do branco das estrelas a encherse de palmeiras multicolores acompasadas polo típico ruído da pirotecnia. Que este ano é olímpico quedou moi clariño aos poucos minutos de comezar os Fogos, xa que os aneis de cores que simbolizan esta celebración formaron parte do deseño de luz deste Apóstolo. Pola contra, botáronse en falta elementos que teñan especial relación coa cidade e con Galicia, pero a quen lle guste a xardinería puido gozar especialmente do espectáculo de follas verdes, amarelas e vermellas, semellando a evolución da natureza e a súas estacións. Mosaicos, cometas e unha espiga branca con moitos e intensos cambios de cor engadiron ledicia visual ao deseño.

O espectáculo deste ano durou 18 minutos, tres máis que no 2023. E xa na conta atrás para remate destes Fogos do Apóstolo o ceo encheuse de novo de palmeiras con troncos de lume, un efecto do que Pirotecnia Igual, empresa fundada en 1880 en Barcelona, presume especialmente.

Elementos intermitentes en cores rosa e branco chegaron cando o reloxo xa marcaba máis dun cuarto de hora do inicio dos lanzamentos, dando paso a un final cheo de cores. O acompañamento dunha tronada deu por finalizado o espectáculo, que recibiu o aplauso do público, con moita presenza de turistas na Alameda e no Obradoiro, mentres que a xente da casa apostou, como todos os anos, por puntos altos da cidade, sen esquecer a Intermodal, con vistas a dous dos tres puntos de lanzamento.

«Fogos pequenos», o 31

Como todo na vida, aos Fogos do Apóstolo vailles de marabilla o refrán de que cada un conta a feira por como lle vai nela. E se maioritariamente o espectáculo deixou moi boas sensacións, houbo quen botou en falta máis ruído e máis figuras. Haberá que agardar aos «fogos pequenos» do 31, lanzados só desde a Alameda e nos que Pirotecnia Ideal anuncia sorpresa e tronos de titanio. Será un deseño no que o público que os vexa decatarase enseguida de que as Fesas do Apóstolo deste 2024 xa remataron.