A cidade celebra con moita partipación, baile e bo tempo, unha das xornadas máis queridas destas festas
22 jul 2024 . Actualizado a las 17:19 h.O 25 de xullo é o Día de Galicia e nesa data a súa capital ten que estar á altura da xornada, chea de actos institucionais e imaxes para posteridade. Por iso, datas como esta, elexida como o Día do traxe galego, no que a cidade muda de pel para sacarlle lustre ao traxe tradicional de gala e de cotío converten a Compostela nunha festa do orgullo do propio, con cada vez máis vestimentas tradicionais nas rúas, pero coa parte negativa de que no se ven tantos homes nin mocidade como mulleres. Santiago mantén así o título de capital do traxe galego cun desfile xa de maña que arrincou na Alameda, seguiu polo casco vello e rematou en San Paio de Antealtares, dividíndose a longa serpe de cor que percorreu a améndoa entre os asistentes ao servizo relixioso e os que agardaron espallados pola cidade ata que chegou a hora da recepción oficial en Raxoi.
Foi unha mañá de baile galego en Praterías, amosando que o baile é unha cousa de ritmo e non de ideoloxía, con parellas de xotas e muiñeiras que buscan un Santiago moi distinto cando fan política pero que gozan do Apóstolo do mesmo xeito, con ledicia, respecto, e traxe galego ben levado, maila que sexa só por un día. Precisamente a rexedora, Goretti Sanmartín, lanzou na recepción oficial a mensaxe de que non estaría mal que de cando en vez, e máis alá da data oficial do Día do traxe galego, a cidade volvese a «quitalos das arcas, das gabetas e dos armarios para recuperalos para que haxa unha resignificación, unha actualización da xente que hoxe en día tamén inspirándose neses traxes, fai tamén vangarda no deseño». Vendo o aplauso e o agradecemento que esta idea tivo entre as persoas que festexaron o día na terraza de Raxoi, e o agradecemento da asociación do traxe, haberá que agardar se a cousa vai arriba.
O que si quedou claro nesta recepción oficial é que a proposta foi moi ben acollida pola Asociación do Traxe Galego. A súa presidenta, Consuelo Vázquez Quiñoy, recoñeceu a súa ledicia porque onte foi a 45 edición desta cita que busca recoñecer o traxe galego como unha mostra máis da identidade propia. Tanto Goretti Sanmartín como Pilar Astray pecharon as cadansúas curtas intervencións cuns «Viva o traxe galego!», para de seguido probar o menú de Raxoi, cheo de pratos de cociña da terra.
A festa, que desta vez tivo a sorte de que acompañou o tempo, sen chuvia para non danar teas e veludos, e coa temperatura non tan elevada para que a roupa non escaldase, fixo un descanso de sobremesa. Volveu co desfile da tarde e o concurso que premia os mellores traxes despois dun percorrido por pasarela no que puideron verse traxes de gala de home e muller, xunto con vestimentas mais sinxelas en deseño e materiais empregados.
O Día do Traxe Galego fixo que un bo feixe dos 1.400 peregrinos que onte pola mañá recolleron a súa compostela na Oficina do Peregrino se atopasen cunha imaxe moi distinta de Santiago, o que lles permitiu gozar do agasallo extra de ver un Santiago orgulloso das súas tradicións téxtiles e festeiras.