120 decibelios

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

SANTIAGO CIUDAD

Foto de archivo de una orquesta.
Foto de archivo de una orquesta. FÓRMULA

09 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Oreal decreto 1513/2005 de 16 de decembro, desenvolve a lei estatal 37/2003 do ruído, que establece os niveis máximos permitidos, aínda que indica que os concellos deben aprobar ordenanzas específicas para desenvolvela. Tiran a pedra agardando que o alcalde correspondente a colla e aplique a lei, como case sempre.

O nivel máximo polo día, (ata as 21.00 horas) na contorna de vivendas é de 40 decibelios, reducíndoo a 30 polas noites. Isto aplícase estritamente cando os ruídos saen da nosa casa e un veciño se queixa, pero cando chegan as festas veñen as orquestras meten os seus equipos entre as casas e chegan a triplicar estas cifras. Os concertos dunha coñecida orquestra galega acadan o perigoso nivel de 120 decibelios, e na praza do Obradoiro foron obrigados a baixalo a 90, que aínda segue a ser máis do dobre permitido.

A contaminación acústica ten graves consecuencias para a saúde: estrés, problemas de sono e de concentración, ademais do impacto que ataca ao noso oído. É comprensible que os que acoden a unha festa ou concerto acepten estes danos, pero os veciños do lugar non teñen por que sufrilo, máxime cando son varios días seguidos e ata as cinco da madrugada. O oído humano entra no límite da dor a partir dos 100 decibelios e hai risco de xordeira, e a 120 equivale ao que produce un avión despegando a menos de 25 metros de distancia. Quéixanse algúns do toque de campás, pero poucas denuncias prosperaron por esta animalada que sufrimos cada verán.

É momento de que alcemos a nosa voz aos alcaldes para que regulen o ruído das orquestras e denuncialo.