Maro, cantante portuguesa: «Non agardaba que supuxese un paso tan grande ir a Eurovisión»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

Sandra Alonso

O concerto da artista lusa en Santiago serviu para presentar o festival Maré, que puxo os abonos á venda

25 jun 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

A nova edición do festival Maré, que se celebrará do 20 ao 24 de setembro en Santiago, xa botou a andar coa venda dos primeiros abonos a prezos especiais (50 euros máis gastos). Unha cita que tivo a súa carta de presentación co concerto da portuguesa Maro a principios de mes. Tratábase da primeira visita a Santiago da que foi a representante portuguesa na edición de Eurovisión do 2022, acadando o duodécimo posto. O Salón Teatro encheuse para gozar da súa música.

—Que valoración fai da súa primeira xira por España?

—Está sendo incrible, co público marabilloso, con todos los espectáculos con moito cariño. Agardo que esta xira sexa a primeira de moitas por aquí.

—Está co seu novo disco «Hortelã», que publicou en marzo. Que quere transmitir con esta decena de cancións?

—Este álbum foi feito coa intención de deixar as dores e as tristezas e para mirar á fronte e con ánimo, con esperanza. E iso espero tamén que pase nos concertos.

—A canción «Saudade, saudade» coa que gañou o Festival da Cançao e despois representou a Portugal en Eurovisión, que supuxo na súa traxectoria?

—Foi ver como a miña música e o meu traballo comezaron a chegar a máis lugares, e iso foi moi bo.

—Imaxinábase que ía ter tanta repercusión?

—Non esperaba que fose un paso tan grande. Foi unha sorpresa e, ademais, a partir de aí a canción tamén gañou máis significado.

—As dez cancións de «Hortelã» son moi distintas desa «Saudade, saudade»? Busca transmitir unha imaxe diferente ou seguir na mesma liña da canción de Eurovisión?

—Eu vou facendo o que sinto en cada momento. Despois de «Saudade, saudade» eu lancei un álbum en agosto que era moi parecido. «Hortelã» acabou de xurdir como outro proxecto, como outra idea que eu resolvín.

—Colaborou con varios artistas en castelán, como Pablo Alborán, ten previstas máis?

—Espero que si. Forma parte dos meus plans de futuro, pero aínda non podo anunciar nada.

—Nas súas cancións mestura tanto a letra en portugués como en inglés.

—É o que acontece naturalmente. Normalmente, cando vivo nun lugar no que se fala máis inglés, escribo máis nesta lingua, e cando estou máis en Portugal, fágoo en portugués.

—En que se inspira Maro á hora de compoñer?

—A vida en xeral, as experiencias que eu vou vivindo, as historias, os lugares... Todo o que eu vou vivindo serve de inspiración para o que eu escribo.

—En agosto pasado un disco, esta primavera outro. Xa pensa no seguinte?

—Normalmente, cando remato un disco xa penso no outro, pero desta vez estou tentando gozar deste proxecto co trío.

—Un trío no que elixiu a dous guitarristas de Cataluña, Darío Barroso e Pau Figueres.

—Si, eu xa coñecía o traballo deles de antes e, ademais, xa eramos amigos. Entón, fun gardando cancións coa idea de facelas con eles algún día.