María Rozas, candidata de CA: «A mellor forma de facer política e co cara a cara, na rúa, coa xente»
SANTIAGO CIUDAD
«Santiago necesita valentía e un modelo de cidade innovador», di a aspirante á alcaldía
20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Consultora de xestión económica e patrimonial, María Rozas (Santiago, 1981) aspira por primeira vez á alcaldía por CA. Reclama un cambio de rumbo no Concello, onde lidera a formación municipalista dende setembro do 2022. A diario, antes de incorporarse ao seu despacho en Raxoi, fai parada nunha cafetería do entorno para levarse un café. Non é o primeiro do día, pero si co que acaba de arrancar a súa xornada.
—É moi cafeteira?
—Demasiado. Teño que facer o intento de reducilo, pero todos os días antes de entrar no Concello collo un café para tomar aquí, en Raxoi. Valoro ben un bo café.
—Na súa casa eran de inquedanzas políticas?
—Non, non había. Os meus pais tivéronme moi maiores, empezaron a traballar moi novos, daquela xente da posguerra, e non había. As miñas inquedanzas comezaron en COU, coa guerra de Kosovo. De feito, cambiei o que quería estudar, que inicialmente non era Ciencias Políticas, motivada por aquela situación. Aquilo levoume a unha reflexión política que non fixera antes: que podemos aportar co noso graíño de area para que o mundo sexa un lugar mellor para vivir. Cos anos funme enfocando máis na cidade.
—E como acaba unha licenciada en Ciencias Políticas como consultora de xestión económica?
—De casualidade. Eu apuntaba a outra área, a de cooperación ao desenvolvemento, as ONGD, de feito aí teño un máster, pero chegou a crise do 2008, saíume a oportunidade de marchar a Madrid cunha beca e alí acabei traballando de consultora de xestión económica e administración pública, un pouco intrusa nese campo, pero moi satisfeita e apaixonada do traballo. Sempre se me deron ben os números.
—Este xoves contou co respaldo expreso de Yolanda Díaz. Como suma esa presenza, en plena Ascensión, nas expectativas electorais de CA?
—Pois é un pracer ter aquí a Yolanda. É un referente para moitas persoas e CA é un espazo de acollida, de esperanza e de unidade. Yolanda está ademais moi vencellada á cidade. O cariño da xente con ela percibiuse onte nese paseo por Santiago. Non sei como se verá reflectido ese apoio, pero espero que de forma positiva. A xente está cansa de espazos que non son capaces de chegar a acordo. E CA é ese lugar de esperanza.
—Ten dúas fillas pequenas. Sorprenderalles vela na cartelería?
—Si. Á pequena non tanto, ten 3 anos. Á maior, de 8, si que lle sorprende. As amigas ás veces coméntanlle que súa nai é como a protagonista do conto A alcaldesa vermella, onde a figura da carapuchiña convértese nunha empoderada que acaba sendo a alcaldesa do seu bosque e facendo políticas para a xente do lugar.
—E quererá vostede ser a alcaldesa vermella?
—Quero, quero, por iso nos presentamos ás eleccións, con toda a ambición para asumir a alcaldía e que Santiago teña un cambio de rumbo. Para iso hai que facer políticas transformadoras e progresistas. E a única forza política para facer iso é CA. O demostramos, como na gobernanza do turismo. Santiago necesita valentía e un modelo de cidade innovador.
—Terá que facer moitos números para conciliar estes días?
—Si, é difícil a conciliación coa axenda electoral. Pero a conciliación sempre é difícil, é un problema que temos como sociedade, todas as mulleres e todas as familias (...) Hai unha carga tremenda que se pon nos ombros das mulleres e aí tense que poñer o foco tamén das políticas públicas. Hai exemplos sobrados de que para as mulleres segue sendo moito máis difícil conciliar.
—É a súa primeira campaña electoral como cabeza de cartel. Como se enfronta a ela a diario?
—A responsabilidade é grande, pero teño gran capacidade de traballo e afronto con valentía os retos. Pero conto tamén cun gran equipo detrás.
—Como se relaxa María Rozas?
—Non sei se me relaxo (ri)... Pero, coas fillas. Todo o tempo que teño libre dedícollo a elas.
—A lectura está entre as súas afeccións. Papel ou dixital?
—Papel, para iso son de tempos pasados. Gústame soster o libro, tocar as follas, Para traballar, moitas veces necesito ter o papel tamén. Xa sei que dende un punto de vista ecoloxista sería mellor facelo en formato dixital, pero son de papel: para ler e preparar calquera cuestión, incluso para a axenda.
—E con que libro está agora?
—Acabo de rematar o de Marilar Aleixandre, As malas mulleres.
—Está moi pendente das redes sociais ou fano por vostede?
—Niso son tamén máis do pasado, teño que recoñecelo. Si que agora estou máis pendente, pero síntome máis cómoda no cara a cara que relacionándome polas redes sociais, e iso que son nova.
—A política debe ser cousa máis do cara a cara?
—Si. Eu son unha persoa á que lle gusta a política municipal e creo na política municipal. Esa que fas na rúa, falando cos veciños. Creo que esa é a mellor forma de facer política, nunha cidade ademais como Santiago, que relativamente somos unha cidade pequena. Estou máis cómoda nese ámbito.
—Estréase como candidata xunto con Verea. Proveñen os dous do Ensanche e teñen idades similares. Cruzáronse os seus camiños antes?
—Si. El é un ano maior ca min e ía un curso por diante, pero coincidimos estudando. Pero, máis aló de vir os dous do Ensanche, as diferenzas son importantes. As miñas orixes familiares están en Vidán e fixen moita vida da infancia alí coa miña avoa.
—Ninguén quere falar de pactos postelectorais, pero de momento é a onde enfilan as enquisas. Vese nun tripartito?
—Diso hai que falar despois das eleccións. CA sempre demostrou que é unha forza capaz de chegar a acordos, pero é certo que queremos un cambio de rumbo e temos grandes diferenzas co feito por Sánchez Bugallo. E se queremos que Santiago mude, ese futuro non pode estar da man de Bugallo. Houbo un retroceso en políticas de educación e nas sociais, coas que se deixou esmorecer a renda de garantía básica e Bugallo quere converter nun edificio de despachos o centro para persoas sen fogar que proxectou CA. As nosas propostas difiren moito do feito por el.
«A conciliación sempre é difícil. É un problema que temos como sociedade todas as mulleres e todas as familias»